Izquierda Unida critica a prohibición da AN mais non irá á mobilización

Após desvincularse dela, a formación manifestou o seu "rexeitamento máis rotundo" ao veto que o xuíz Velasco impuxo á manifestación de Tantaz Tanta. Porén, non van asistir tampouco ao novo acto, convocado baixo o lema 'Dereitos humanos, resolución, paz'.


"Aínda que non imos ir, defendemos que se poida realizar". Foi así como Ezker Anitza-IU se desvinculou tamén da manifestación alternativa convocada polas principais forzas políticas e sindicais vascas baixo o lema Giza Eskubideak Konponbidea, Bakea --Dereitos humanos, resolución, paz--.

Após emitir un comunicado que asinaban tamén Equo e Batzarre en que informaban de que non asistirían á mobilización da iniciativa popular Tantaz Tanta, Exker Anitza-IU quitou máis un comunicado en que o seu dirixente, Íñigo Martínez, manifestou o seu "rexeitamento máis rotundo" á prohibición decretada polo xuíz da Audiencia Nacional Eloy Velasco

Martínez denunciou a Velasco como representante do sector "máis reaccionario" da Xustiza e dixo que tomou a súa decisión "por impulso expreso do Goberno do PP", optando por contradicir o primeiro ditame, o do xuíz Pablo Ruz, que non apreciaba indicio ningún dun delito de enaltecemento "do terrorismo" nin paralelismo coa organización Herrira, suspendida de actividade en outubro de 2013, após prender 18 activistas. A marca vasca de Izquierda Unida cualificou o veto de "restricción de liberdades fundamentais" e di que se mostra "radical" na defensa "de todos os dereitos humanos de todas as persoas".

Con todo, no derradeiro parágrafo do comunicado, Íñigo Martínez considera que "a dinámica de enfrontar os dereitos das vítimas aos das persoas presas fai un fraco favor á convivencia libre e en paz". Exker Anitza-IU non vai asistir tampouco á marcha alternativa convocada polas principais forzas políticas e sindicais de Euskal Herría, organizada in extremis xustamente contra "a conculcación" dese dereito á liberdade de manifestación que Izquierda Unida defende no seu comunicado. Cómpre sinalar que ningún partido español cuestionou a prohibición dunha manifestación que levaba por lema Dereitos humanos, resolución, paz

Comentarios