Histórica resposta do nacionalismo vasco ''contra a conculcación dos dereitos humanos''

Após a Audiencia Nacional española vetar a mobilización que organizara a iniciativa popular Tantaz Tanta, as principais forzas políticas e sindicais de Euskal Herría reaccionaron en bloque. Haberá marcha pola paz e a resolución do conflito vasco. En silencio, promete anegar as rúas. A AVT xa pediu que se prohiba. 

sortu_Detnro
photo_camera [Imaxe da rolda de imprensa: SG]


Giza Eskubideak Konponbidea, Bakea. Ou o que é o mesmo, Dereitos humanos, resolución, paz. É o obxectivo transformado en lema que este sábado a partir das 18h promete anegar as rúas de Bilbo.

Malia o veto da Audiencia Nacional aplaudido polo Goberno español e polas asociacións de vítimas ''do terrorismo'' --que pediron tamén a prohibición desta marcha alternativa--, Euskal Herría non vai quedar sen realizar a marcha anual en prol dos dereitos humanos e pola reclamación dunha solución para o conflito vasco. Ao prohibiren a convocada pola iniciativa popular Tantaz Tanta, as principais forzas políticas e sindicais do país, o nacionalismo vasco, reaccionou en bloque poñendo cara á convocatoria dunha persoa particular. 

Sortu, EA, Aralar, Alternatiba --as catro integrandas en EH Bildu-- PNV, Geroa Bai, ELA e LAB encabezarán unha mobilización silenciosa que está chamada a ser a máis multitudinaria da historia vasca. Como pano de fondo, a suspensión da actividade do colectivo de axuda a familiares d@s pres@s de ETA, Herrira --coa detención de activistas-- decretada en outubro de 2013 polo xuíz Eloy Velasco, o mesmo que prohibiu a acción inicial de Tantaz Tanta. Tamén como pano de fondo, a operación da Garda Civil contra @s avogad@s dos e das presas vascas. E, por derradeiro, o propio veto da Audiencia Nacional. 

"Perante as medidas de excepción negativas e a conculcación de dereitos humanos", as organizacións mencionadas chaman a "afortalar o novo escenario aberto no noso pobo" e mostraron a súa disposición a "tomar as medidas necesarias" para que os tres obxectivos expresados no lema da manifestación se tornen reais. Unha mensaxe clara pronunciada nunha sala de imprensa inzada de medios de comunicación e que @s dirixentes do nacionalismo vasco tardaron pouco máis de dous minutos en transladar porque, tal e como explicaron, "esta é unha comparecencia excepcional provocada por unha situación excepcional".

Comentarios