O PNV rexeita calquera reforma que non recoñeza que “Euskadi é unha nación”

“Trátase de cambiar o motor, non de facer unha reparación de chapa e pintura” asegura Andoni Ortuzar nun acto de homenaxe a Sabino Arana no que tendiu a man a un cambio constitucional.

Andoni Ortuzar. Presidente PNV
photo_camera Andoni Ortuzar. Presidente PNV

O presidente do PNV, Andoni Ortuzar, afirmou que o seu partido non ten "medo" a unha reforma constitucional, aínda que advertiu de que non aceptará "ningún cambio que non recoñeza o feito diferencial vasco". "Euskadi é unha nación", afirmou.

Ortuzar pronunciouse así durante a conmemoración do 111º aniversario do falecemento de Sabino Arana -fundador da formación- en Sukarrieta, onde asegurou que o PNV quere que se recoñeza que "Euskadi é unha nación primeiro" e, "a partir de aí, falamos o que queiran". Así mesmo, explicou que se trata de "cambiar o motor" e non de facer "reparacións de chapa e pintura".

Ademais, o dirixente nacionalista destacou que, na actualidade, as condicións son "propicias" para esa reforma plurinacional do Estado porque "non hai ruído de sables nin de goma 2". Deste xeito, animou a aproveitar o "novo tempo" para "modernizar a Transición".

Comentarios