"A esquerda abertzale debe por en marcha unha estratexia de liberación que non dependa de ninguén máis que do noso propio pobo". Afirmouno Arnaldo Otegi na última entrevista que concedeu desde o cárcere. Coa claridade que lle é propia, negou que se estea a desenvolver un proceso de resolución do conflito vasco. Tal proceso "non existe", espetou, "porque non existe vontade dos Estados de nos respectar como nación con dereito a decidirmos libre e democraticamente sobre o noso futuro".
Nunha extensa conversa, o que foi escollido secretario xeral de Sortu malia ficar aínda preso valorou que os avances que se deron após o anuncio do cesamento do fogo por parte de ETA chegaron unicamente a aqueles eidos onde non cómpre un compromiso de Madrid, como o éxito da esquerda abertzale nas eleccións vascas ou o éxito das mobilizacións nacionais. Porén, mostrou o seu convencemento de que España "seguirá sen se mover" namentres fique convencida "de que o seu poder de veto na negociación nos bloquea e nos auto-impide por en marcha un proceso unilateral de carácter soberanista".
Aposta nun proxecto "popular e unilateral" para saír de España
Otegi chamou a seguir o camiño aberto desde Catalunya en prol dun estado propio. "Os vascos e vascas debemos abrir o segundo frente", enfatizou, sen agardar polo compromiso de Madrid porque "o proceso é co noso pobo, non co Estado". A única maneira de conseguir tal obxectivo é a suma de forzas nun proxecto "popular, unilateral e independentista". Só a posta riba da mesa deste proxecto, considerou o abertzale provocará a Madrid "un coste superior da non-solución que da solución". Namentres iso non aconteceza, "prefiren a non-solución a unha solución que decodifican en termos de traxedia 'nacional'".
O que lle cómpre a Euskal Herría "é pensar, construír, pintar, soñar" o estado que queren para 2020 "porque temos dereito a vivir nun estado serio e xusto e ese só pode ser o que nós construamos, desde a Vía Vasca". Recalca que o modelo territorial que defende o PSOE "non é estruturalmente diferente" ao que defende o PP, e considera que a súa permancia en prisión responde a unha estratexia do Estado para que recúen no xiro que deu a esquerda abertzale. "E iso non se vai producir", aseverou Otegi.
Tamén falou d@s pres@s vasc@s recalcando que "todos" deben ficar en liberdade. "Estabelecido ese marco xeral, o seguinte paso sería avaliar en que condicións, con que garantías e en canto tempo debera producirse esa saída escalonada dos cárceres".
Por derradeiro, defendeu que "manter a nosa identidade nacional fronte a estratexias de auténtico xenocidio cultural forxou lazos de resistencia moi notábeis" que levan ás nacións do Estado, ao igual que a Euskal Herría, a ter ferramentas para afrontar a crise capitalista, para alén de recordar que un estado propio lles devolvería "todos os instrumentos destinados a por en marcha unha economía que satisfaga os intereses dos vascos, e non os dunha maioría privilexiada".
Oteg, a favor dunha estratexia de liberación que "non dependa de ninguén que non sexa o noso propio pobo"
O líder da esquerda abertzale concede desde o cárcere unha entrevista en que afirma de maneira taxativa que o proceso de resolución do conflito vasco "non existe porque non existe vontade dos estados --español e francés-- de nos respectar como nación con dereito a decidirmos libre e democraticamente sobre o noso futuro".