luns 20.01.2020

Oteg, a favor dunha estratexia de liberación que "non dependa de ninguén que non sexa o noso propio pobo"

O líder da esquerda abertzale concede desde o cárcere unha entrevista en que afirma de maneira taxativa que o proceso de resolución do conflito vasco "non existe porque non existe vontade dos estados --español e francés-- de nos respectar como nación con dereito a decidirmos libre e democraticamente sobre o noso futuro".


"A esquerda abertzale debe por en marcha unha estratexia de liberación que non dependa de ninguén máis que do noso propio pobo". Afirmouno Arnaldo Otegi na última entrevista que concedeu desde o cárcere. Coa claridade que lle é propia, negou que se estea a desenvolver un proceso de resolución do conflito vasco. Tal proceso "non existe", espetou, "porque non existe vontade dos Estados de nos respectar como nación con dereito a decidirmos libre e democraticamente sobre o noso futuro".

Nunha extensa conversa, o que foi escollido secretario xeral de Sortu malia ficar aínda preso valorou que os avances que se deron após o anuncio do cesamento do fogo por parte de ETA chegaron unicamente a aqueles eidos onde non cómpre un compromiso de Madrid, como o éxito da esquerda abertzale nas eleccións vascas ou o éxito das mobilizacións nacionais. Porén, mostrou o seu convencemento de que España "seguirá sen se mover" namentres fique convencida "de que o seu poder de veto na negociación nos bloquea e nos auto-impide por en marcha un proceso unilateral de carácter soberanista".

Aposta nun proxecto "popular e unilateral" para saír de España

Otegi chamou a seguir o camiño aberto desde Catalunya en prol dun estado propio. "Os vascos e vascas debemos abrir o segundo frente", enfatizou, sen agardar polo compromiso de Madrid porque "o proceso é co noso pobo, non co Estado". A única maneira de conseguir tal obxectivo é a suma de forzas nun proxecto "popular, unilateral e independentista". Só a posta riba da mesa deste proxecto, considerou o abertzale provocará a Madrid "un coste superior da non-solución que da solución". Namentres iso non aconteceza, "prefiren a non-solución a unha solución que decodifican en termos de traxedia 'nacional'".

O que lle cómpre a Euskal Herría "é pensar, construír, pintar, soñar" o estado que queren para 2020 "porque temos dereito a vivir nun estado serio e xusto e ese só pode ser o que nós construamos, desde a Vía Vasca". Recalca que o modelo territorial que defende o PSOE "non é estruturalmente diferente" ao que defende o PP, e considera que a súa permancia en prisión responde a unha estratexia do Estado para que recúen no xiro que deu a esquerda abertzale. "E iso non se vai producir", aseverou Otegi.

Tamén falou [email protected] [email protected] [email protected] recalcando que "todos" deben ficar en liberdade. "Estabelecido ese marco xeral, o seguinte paso sería avaliar en que condicións, con que garantías e en canto tempo debera producirse esa saída escalonada dos cárceres".

Por derradeiro, defendeu que "manter a nosa identidade nacional fronte a estratexias de auténtico xenocidio cultural forxou lazos de resistencia moi notábeis" que levan ás nacións do Estado, ao igual que a Euskal Herría, a ter ferramentas para afrontar a crise capitalista, para alén de recordar que un estado propio lles devolvería "todos os instrumentos destinados a por en marcha unha economía que satisfaga os intereses dos vascos, e non os dunha maioría privilexiada".

comentarios