O PSE rexeita unha emenda a prol da soberanía e refrenda a proposta federal

No seu VII Congreso a militancia do PSE-EE decidiu aprobar por ampla maioría a proposta do seu líder, Patxi López, e adscribirse ao modelo federal defendido desde Madrid.
PSE-EE
photo_camera [Imaxe: PSE]

A agrupación socialista de Irun, encabezada polo alcalde da localidade José Antonio Santano, emendaron a Ponencia política sometida a debate no VII Congreso do PSE encamiñada a apoiar unha consulta soberanista semellante á catalá, se esta era presentada durante a vixente lexislatura. Debatida de maneira conxunta cunha outra proposta que procuraba incorporar ás teses da formación unha "lei de claridade" --á fin de estabelecer un regulamento a respecto da convocatoria dun referendo soberanista-- ambas as dúas emendas foron rexeitadas pola maior parte da militancia.

O PSE-EE daba un portazo ao dereito a decidir do pobo vasco e posicionábanse en contra de calquera proposta que conlevase a superación do actual marco constitucional en aras da autodeterminación nacional.

"Un Estado común compartido": a proposta de López
O ex-lehendakari, que foi re-eleito secretario xeral do PSE por unha ampla maioría de militantes, defendeu a proposta que o PSOE --desde Madrid-- pregoa cara ás súas federacións como posicionamento perante o avanzo soberanista. Neste senso, López, considerou que o sistema autonómico precisa unha mudanza urxente que poña fin "á invasión competencial do Estado" e recoñeza, dixo, "os dereitos históricos" de Euskadi. Porén, o líder d@s socialistas vasc@s fixo un chamamento a "integrar ás comunidades autónomas na corresponsabilidade e a gobernanza" do que denominou "un Estado común compartido".

Patxi López defendeu con rotundidade a súa aposta por un "modelo federal" e rexeitou perderse "noutras cuestións que non son as nosas", en alusión a quenes procuren a capacidade real de Euskadi para decidir.

Comentarios