Naiz acha que a operación contra Herrira mostra "a involución en toda regra" do Estado

Nun editorial, o xornal próximo á esquerda abertzale cualifica a acción da Audiencia Nacional contra Herrira como "un grave atentado contra as liberdades e os dereitos humanos".

photo_camera Imaxe do operativo policial tirada de Naiz.


"Defender os dereitos humanos é unha afrenta para o Estado". Así titula Naiz (Son, en euskera) o editorial que dedica á operación aberta pola Audiencia Nacional contra a asociación que defende os dereitos d@s pres@s de ETA, saldada con 18 detencións.

Para Naiz, a operación é a "enésima agresión" contra o pobo vasco e non vai ser un "feito conxuntural". "Madrid decidiu pasar a outro estadio na súa actitude perante o novo ciclo aberto en Euskal Herria e, desgrazadamente, quizá toque afacerse de novo a que a inquietude acompañe a un acto tan cotiá como acender a radio polas mañás", editorializa Naiz.

Para Naiz, o acordo PNV-PSE é o "colchón" que permitiu ao "Goberno español" lanzar a operación contra Herrira

O xornal cualifica de mentiras a versión dada polo ministro de Interior, que emparenta Herrira con ETA. Deste movimento social di Naiz que "ten actuado sempre á luz pública", sen agachar os seus obxetivos: "Conseguir a repatriación dos presos e presas vascas, a posta en liberdade dos prisioneiros gravemente enfermos e a derrogación da doutrina 197/2006 do Tribunal Supremo e as demais leis de excepción". 

Enfatiza Naiz que estes obxectivos son partillados pola "maioría da sociedade vasca", como tería demostrado o facto de 115.000 persoas ter participado a principios deste ano nunha manifestación convocada por Herrira en Bilbo.

O trasfondo político da operación apunta non xa ao "inmobilismo" do Estado perante o proceso aberto por ETA ao decidir o abandono das accións armadas, senón directamente a unha "involución en toda regra". Estima Naiz que a acción xudicial contra Herrira é tamén produto dun contexto moi determinado, o do achegamento entre o PNV e o PSE, que, segundo o xornal de tendencia independentista, terían selado "un pacto de alcance estratéxico".

Comentarios