Iñaki Soto: "Foi a manifestación máis grande que viviu Euskal Herria desde a Transición"

O director do diario basco GARA, Iñaki Soto, apunta nunha entrevista concedida a Irmandade TV que a manifestación decorrida o 11 de xaneiro nas rúas de Bilbo debuxa unha "fronte democrática" cara á resolución do conflito político basco artellada arredor "dos dereitos humanos, a resolución do conflito e a paz" face a posición do Estado español que, di, "non ten un plantexamento construtivo". Vídeo no interior.

iñaki
photo_camera Iñaki Soto, director de Naiz

Irmandade TV desprazouse a pasada semana até Euskadi para recoller as reaccións ao comunicado feito público polo Colectivo de Presos e Presas Bascas (EPKK) e, tamén, con motivo da mobilización convocada na defensa dos dereitos d@s pres@s baixo o lema Tantaz Tanta (Gota a Gota). Esta segunda feira, a canle de televisión vén de publicar a primeira das entrevistas realizadas concedida polo director do diario basco, GARA. 

Iñaki Soto conversa co director de O Debate, Aurélio Lopes, arredor da manifestación decorrida polas rúas de Bilbo o 11 de xaneiro a poucas horas de se producir. Para o xornalista a participación na mobilización xa se albiscaba como a "máis grande que viviu o país desde a Transición" habida conta, sinala, que "os convocantes representan a maioría política e social de Euskal Herria". 

Neste senso, indica Soto, a convocatoria --finalmente apoiada por EH Bildu, PNV, Geroa Bai, ELA e LAB-- debuxa unha "fronte democrática" e supón "un paso adiante" perante "unha demanda social" que exixe dos partidos políticos acordos en resposta ao que coidan é "un ataque tan grave" aos dereitos políticos como a prohibición por parte do xuíz da Audiencia Nacional española, Eloy Velasco, da convocatoria inicial

As máis de 130.000 persoas que asolagaron a rúa Autonomía e as súas adxacentes o pasado sábado, apunta Iñaki Soto, reflicten a "imaxe da xente que se posiciona" a prol dunha "solución" ao conflito político en Euskal Herria artellada arredor "dos dereitos humanos, a resolución do conflito e a paz" face, apunta, aquela --en clara alusión ao Estado español-- "que non ten un plantexamento construtivo" e continúa ancorada "na unilateralidade". 

Comentarios