O Goberno vasco analizará até 400 casos de tortura para emitir un informe oficial

Un estudo sobre as experiencias e consecuencias desta práctica, principalmente polas forzas de seguridade española, chegará en dous anos ao Parlamento e a UE.

O Proxecto de Investigación da Tortura en Euskal Herria que pretende acometer o Goberno vasco creará un censo no que se incluirá o número de casos detectados entre 1960 e 2010, e analizará unha mostra representativa de entre 200 e 400 deles. O informe recollerá "un estudo cualitativo e narrativo" duns 40 "casos emblemáticos" que "narrarán as súas experiencias humanas e as consecuencias padecidas nas súas vidas".

O documento do deseño da investigación, encargado pola Secretaría de Paz e Convivencia ao médico forense Francisco Etxeberria e ao Instituto Vasco de Criminoloxía, do que é membro, foi remitido este sábado aos grupos parlamentarios e tamén se dirixiu ao Comité de Prevención contra a Tortura (CPT) do Consello de Europa, para a súa valoración. A pretensión é que estea concluído en 2016.

O obxectivo da investigación é "desvelar a incidencia real" deste fenómeno en terras vascas nos últimos 50 anos e "establecer as conclusións en materia de recoñecemento, reparación e prevención que sexan precisas".

Comentarios