''Enviamos a Madrid unha mensaxe clara: non imos permitir que afunda o proceso de paz''

Falamos con Joseba Egibar, presidente do Gipuzkoa Buru Batzar (o PNV de Guipúscoa) e membro do Parlamento vasco. Canda el debullamos as consecuencias da resposta masiva que o pobo vasco deu nas rúas á política penitenciaria do Estado español.

joseba eguibar
photo_camera Joseba Eguibar, durante un acto de Egi


((Entrevista traducida ao galego da orixinal publicada en euskera na revista Argia))



Após a manifestación multitudinaria en favor dos dereitos d@s pres@s [convocada conxuntamente por PNV e a esquerda abertzale] falou vostede de "novo tempo". Tamén dixo que debería ter continuidade. Como darlle esa continuidade?
Tras a decisión tomada por ETA hai dous anos subliñamos moitas veces a necesidade ineludíbel de afortalar o proceso de paz e convivencia, expresando o noso compromiso para darmos todos os pasos necesarios nese sentido. Estamos niso. 

"A prohibición fixada polo Goberno do PP era totalmente inaceptábel desde o punto de vista da defensa das liberdades públicas básicas"

A prohibición fixada polo Goberno do PP era totalmente inaceptábel desde o punto de vista da defensa das liberdades públicas básicas e entendiamos que foi unha decisión deseñada para entorpecer gravemente o proceso en si. Por iso nos enfrontamos a ela partillando a convocatoria da manifestación. Fixemos chegar a Madrid unha mensaxe clara: non imos permitir que o proceso de paz afunda porque é fundamental para este pobo. De paso, a mensaxe tamén é clara para o resto dos axentes sociais, incluída a Esquerda Abertzale e ETA: que cada cal cumpra a súa parte.

"Tamén nós temos que facer como partido". Como ve o PNV nese sentido? 
Cada axente ten as súas responsabilidades. Por iso impulsamos o Relatorio [de paz] do Parlamento Vasco e o Goberno Vasco puxo en marcha o Plan de Convivencia. Creo sinceramente que estamos a actuar con honradez. Por unha banda intentando acabar co inmobilismo do Goberno español, para que poña fin á lexislación de excepción. E, por outra, esixindo que tamén ETA faga os seus deberes.

"Tanto a PP como a PSE, atragantóuselles a confluencia entre forzas abertzales; coma sempre"

O PSE-EE e o PP cargaron contra a manifestación e contra o PNV. Que ten que dicir da actitude dos devanditos partidos?
Non nos sorprendeu. Non é ningunha novidade. A paz e a convivencia non son obxectivos partidistas, senón da sociedade. Por iso creo que é necesaria a implicación de todos os partidos políticos. Porén, ao Partido Popular está a resultarlle inaceptábel a asunción da forza da Esquerda Abertzale, que escapa do esquema 'vencedores-vencidos'. E a ambos os dous, tanto a PP como a PSE, atragantóuselles a confluencia entre forzas abertzales, coma sempre.

Dará ETA novos pasos tras o que se viviu na manifestación de Bilbo? 
ETA ten que levar a cabo o desarmamento. Ademais, para que ten armas que non vai usar? A sociedade está á espera dese desarmamento. E o do sábado pódelle servir para tomar a decisión dunha vez por todas. Convén quitarlle ao goberno de Madrid escusas para manter a súa postura.

En que dirección debería dar pasos ETA? Como ve o traballo da esquerda abertzale nese sentido?
Foi a decisión unilateral adoptada pola esquerda abertzale política o que motivou que ETA abandonase a actividade armada. Dous anos despois, o EPPK [Colectivo de Pres@s Polític@s Vasc@s] anunciou as súas intencións. E o goberno do PP segue empeñado na súa actitude de bloqueo. Ao parecer, manteranse nela namentres "ETA non desapareza". Por tanto, para desbloquear a situación e sendo consecuentes coa lóxica da unilateralidade, está claro cales son os seguintes pasos que lle piden á esquerda abertzale e a ETA. Que se avance na solución, tal e como reivindicamos o sábado.

"ETA ten que levar a cabo o desarmamento; convén quitarlle ao goberno de Madrid escusas para manter a súa postura"

Varias persoas e axentes acordáronse da época de Lizarra-Garazi. Ese camiño xa é pasado? Pódese construír un camiño novo?
Cada cousa ao seu tempo. Son procesos distintos, e os ritmos, a lóxica e as obrigacións de cada un deles son distintos. A manifestación do sábado respondeu, ademais de á prohibición, á necesidade dun proceso de paz: dereitos humanos, resolución e paz. A partir de aí temos o quefacer de responder os desafíos da nosa sociedade, enfrontarnos á crise e modular a vontade política do pobo. Tamén no Parlamento Vasco, temos, todos e todas, a oportunidade permanente de mostrar en que medida estamos dispostos a chegar a acordos. 

En que posición queda o goberno de Mariano Rajoy tras a manifestación de Bilbo? Ve disposición de superar o bloqueo?
As manifestacións xigantes, colosais, que se fixeron até o de agora non valeron de moito... É certo que a do sábado tivo un valor engadido cualitativo. Por tanto, eu pediría ao goberno de Rajoy que faga unha leitura adecuada. E non só a respeito da política penal, senón tamén a respeito de todo o que implica a convivencia en xeral. Que tome decisións que axuden, non outras.  

Comentarios