“Ninguén imaxina hoxe aos soldados españois entrando en Gernika cando se cumpren 75 anos do bombardeo fascista, porén, o exército tomou a nosa vila o día en que se cumpría ese triste aniversario da entrada dos franquistas”. Con estas frases explica o alcalde da localidade guipuscoana de Elgeta a indignación que se sente no seu pobo tras as visíbeis manobras militares realizadas polo exército español en tan sinalada data.
Unha concentración na praza principal serviu este mércores para amosar a queixa popular polo acontecido, que xa provocou respostas cidadás cos propios soldados na rúa, cando moitos veciños sacaron aos balcóns ikurriñas ou incluso bandeiras da República española.
O alcalde, Oxel Erostarbe, adiantou tamén que solicitará explicacións ao máis alto nivel polo que considera “unha provocación”. Pola súa parte, o diario Gara publicou unha editorial sobre o acontecido, no que lembran tamén o 75 aniversario do masacre de Gernika e que o exército español “nunca foi depurado”.