A Audiencia Nacional comisa un cento de 'herriko tabernas'

O tribunal condena a penas de entre tres anos e 17 meses de cadea a 20 persoas, entre elas Joseba Permach e Floren Aoiz.

Após once anos do inicio das investigacións, da man do xuíz Baltasar Garzón, a Audiencia Nacional española ditou sentenza esta cuarta feira no caso das herriko tabernas. 

A sala impuxo penas de tres anos a un ano e medio a 20 persoas acusadas dun delito de "colaboración" e "integración a banda terrorista". O resto de imputad@s foron absolt@s de calquera delito. Entre as persoas condenadas atópanse Joseba Permach e Floren Aoiz, xunto con outr@s militantes da esquerda abertzale. No entanto, unha das xuízas que integran o tribunal emitiu un voto particular polo que se posiciona a favor da absolución de todas as persoas xulgadas. A defensa aínda pode presentar recurso perante o Tribunal Supremo. 

O tribunal solicita comisar 111 herriko tabernas das que di "servían de base para o depósito de material e propaganda relacionados coa 'kale borroka'"

A Audiencia Nacional española tamén solicita o comiso de 111 herriko tabernas. Isto é, a súa confiscación en nome do Estado español. Segundo o argumentario empregado polo tribunal, estes locais "ademais do servizo financeiro que prestaban ao Movemento de Liberación Nacional Vasco, controlado por ETA, constituían unha infraestrutura loxística para o desenvolvemento de actividades de organizacións satélite controladas pola fronte militar da banda tales como KAS/EKIN, Jarrai/Haika, Herri Batasuna e Gestoras Pro Amnistía" ao tempo que, acrecenta na súa sentenza a Audiencia Nacional, servían de base para o depósito de material e propaganda relacionados coa 'kale borroka'". 

A sentenza prodúcese após cumprírense 5 anos sen accións por parte de ETA e logo de ficaren absolt@s 40 independentistas acusad@s de pertenceren a Segi. Naquela sentenza, a propia Audiencia Nacional recoñeceu a existencia de torturas por parte da policía española durante os interrogatorios. 

Comentarios