Sindicatos e movementos sociais converxen nunha Alianza Social Galega fronte aos recortes

Case sesenta organizacións sociais confluén con CIG, CCOO e UGT nunha macroplataforma que pretende ofrecer unha resposta unitaria en chave mobilizadora contra as políticas de recortes.
Acto de presentación da Alianza Social Galega
photo_camera Acto de presentación da Alianza Social Galega

Esta quinta feira presentouse en Santiago de Compostela a Alianza Social Galega, unha macroplataforma impulsada por CIG, CCOO e UGT e conformada por outras 51 entidades sociais, entre as que salientan organizacións estudantís, colectivos culturais e ecoloxistas, fundacións, sindicatos agrarios ou diversas plataformas, dan corpo a unha alianza que ten como principal propósito alargar a unidade de acción para “facer fronte ás políticas antisociais do Partido Popular”.

As case sesenta organizacións que a compoñen coinciden en denunciar que estas políticas só responden “aos intereses dos mercados”, o capital financeiro internacional e o grande empresariado, e que están orientadas en base a un “neoliberalismo depredador” que vai contra os intereses da maioría social. Como exemplos que singularizan o que cualifican de “ofensiva antisocial” mencionan a suba do IRPF, a conxelación do salario mínimo e máis do IPREM, as restricións para o acceso á renda de emancipación e ás prestacións da dependencia, recortes salariais e de dereitos de traballador@s públic@s, ou as contrarreformas que supuxeron o desmantelamento da negociación colectiva e o abaratamento do despedimento.

Mais no punto de mira situaron fundamentalmente o proxecto de orzamentos para o vindeiro exercicio 2013 que consideran “será un novo golpe, xa que os principais recortes minguarán aínda máis os recursos destinados aos servizos públicos, agravando as consecuencias que xa provocaran os recortes acometidos até agora”. Asemade, amósanse cert@s de que provocarán “máis paro e recesión”.

Porén, as críticas non se limitan as actuacións do goberno central. A nova macroplataforma manifesta o seu rexeitamento aos “recortes de dereitos, deterioración e privatización dos servizos públicos” que segundo afirman desenvolveu a Xunta de Galiza baixo o mandato de Feijóo. Denuncian así mesmo “a destrución dunha parte fundamental do noso tecido produtivo” citando a grave situación que atravesan sectores como o naval, leiteiro, conserveiro, pesqueiro ou téxtil, o que tería provocado “o maior índice de desemprego da nosa historia” que elevan a 300.000 galegas e galegos.

No manifesto constituínte faise tamén mención ao autogoberno, acusando a Xunta de ter abandonado a “esixencia de dotar de novas competencias ao noso Parlamento” e de mesmo colaborar “na recentralización promovida polo PP” e “teimar en eliminar o noso principal sinal de identidade nacional” en referencia á lingua galega.

Neste panorama, que describen como “unha agresión ás clases populares sen precedentes na nosa historia”, e na antesala dun eventual rescate, a acabada de creada Alianza Social Galega promoverá mobilizacións co propósito de frear a aplicación das políticas promovidas pola Troika. O vindeiro día 31 terá lugar unha nova xuntanza da macroplataforma en que se definirán no concreto os primeiros pasos a seguir.

Preguntados pola coincidencia da presentación da Alianza na véspera electoral, os secretarios xerais de CIG, CCOO e UGT --aínda afirmando que a plataforma ten afán de continuidade alén da convocatoria electoral-- non negaron que pretenden influír nelas para que o descontento social teña o seu correlato electoral, salientando así a importancia e o valor do voto.

Comentarios