Pachi Vázquez tamén invoca o “Nunca Máis” para derrotar o PP

O candidato socialista enfronta o final da campaña electoral con cada vez máis intensas chamadas á participación na procura do apoio d@s indecis@s.
Pachi Vázquez disponse a tomar a palabra en Camariñas
photo_camera Pachi Vázquez disponse a tomar a palabra en Camariñas

Como xa fixo semanas atrás Francisco Jorquera, o candidato socialista, Pachi Vázquez, invocou nun mitin en Camariñas o espírito de Nunca Máis, cando se cumpren dez anos da maior catástrofe ambiental da nosa historia. Vázquez chamou “a frear co voto a marea negra dos recortes de Feijóo e de Rajoy” nunha fórmula con que case parafraseou o nacionalista.

O candidato socialista encara o segundo treito da campaña cunha dupla preocupación: a abstención e @s indecis@s. Neste sentido, Pachi Vázquez alertou de que o PP gañará as eleccións “se a nosa xente se queda na casa e non vota”. Con afirmacións como “a desilusión non cambia gobernos, o que cambia gobernos son os votos” ou “manifestarse está ben, mais se o 21 non imos votar, non vale para nada” deixou ás claras que o PSdeG-PSOE enfronta o derradeiro sprint cara ás urnas á caza daquelas persoas que aínda non decidiron ir ou non votar o domingo.

Asemade, xa en chave local, Vázquez comprometeuse a finalizar a autovía da Costa da Morte, infraestrutura que cualificou de “arteria para o crecemento e para a economía” da bisbarra.

Comentarios