Pachi di que mudará o ton da campaña cara ás mensaxes positivas

Asegura que non falará máis das mentiras de Feijóo no que resta de campaña e di que por cada falsidade do candidato popular achegará unha iniciativa para crear emprego.
photo_camera Pachi Vázquez e Griñán en Pontevedra

No mitin de Pontevedra, o candidato do PSdeG-PSOE estivo acompañado polo presidente da Xunta de Andalucía, José Antonio Griñán. Após a visita de Alfredo Pérez Rubalcaba, os socialistas seguen a se rodear de líderes do partido na procura de amosaren unha imaxe de fortaleza e unidade.
Na súa intervención Pachi Vázquez, asegurou que deixaría de falar “dos engaños de Feijóo no que queda de campaña” e pasaría a un ton esperanzador “mais non ilusionista”, dixo, na recta final da campaña. Neste senso, Vázquez asegurou que debullaría a súa batería de propostas para crear emprego e lembrou as bolsas-contrato que creará contra o desemprego xuvenil.

No entanto, o ton conciliador duroulle ben pouco, pois deseguido criticou con rotundidade que as políticas de Feijóo e Rajoy “lévannos camiño de Grecia e Portugal que están peor cá nunca”. Aliás, asegurou que de chegar á presidencia da Xunta crearía un imposto á banca, ás grandes fortunas e as superficies comerciais para, co diñeiro recadado,  “retirarlle o copago aos pensionistas”. Así mesmo, o socialista comprometeuse a blindar a sanidade e educación públicas nos “primeiros 100 días de gobernó”. Porén, bateu de novo contra o presidente saínte e asegurou que “sabe que enganou a este país” aludindo á desviación de diñeiro público dun exercicio contábel a outro e emprazou a esclarecer quen é o que minte se Feijóo ou o exsenador popular que asinou o informe do Consello de Contas. 

Comentarios