O candidato do PSOE ás eleccións do vindeiro domingo, Pachi Vázquez, visitou o Centro Asistencial Domingo García Sabell da Coruña, onde afirmou que “a sanidade publica é un dos piares fundamentais dos dereitos básicos e non é o que nos meteu nesta crise, porque a sanidade é unha vítima e non se pode consentir que tenten privatizala”. Porén, o socialista suxeriu reformas ao respecto. “Eficiencia, cabeza, proxección de futuro e asumir as realidades, esas serán a clave en que imos construír o novo modelo sanitario”, dixo.
Vázquez agradeceu “o esforzo das organizacións que traballan desinteresadamente na saúde e a cuxas estruturas adicaremos unha parte moi importante dentro da sanidade publica”. “Cando visitas un centro como este non fai falla dicir nada, soamente a miña admiración e o compromiso do PSOE, que cre firmemente no que facedes”, engadiu.
Prestige
O líder d@s socialistas en Galiza tamén falou sobre o comezo do xuízo do Prestige, do cal dixo que “non hai que esquecer a historia”. “Os que enganaban naquel momento teñen agora máximas responsabilidades, como Rajoy e o director xeral da Garda Civil. Espero do proceso que nos avive a memoria a tod@s, porque un pobo que non recorda a súa historia nunca escribe ben a seguinte parte”, espetou Vázquez.
O ex-alcalde do Carballiño asegurou ademais que este xuízo lémbralle dúas palabras: “engano e fracaso, porque se nos pretendeu enganar a todos e todas, mais as voltas que dá a vida, os que nos enganaban volven estar nos cargos de máxima responsabilidade deste país”, criticou. Vázquez afirmou tamén que Galiza “non esta preparada para outro Prestige. “Habería que volver recoller o fuel coas mans”, asegurou o candidato do partido que gobernou durante case oito anos o estado desde a catástrofe.