Unha web difunde material gráfico para "botar a Feijóo"

Unha páxina  web permite a todo aquel que así o desexe fornecerse de deseños e cartelaría para facer a súa propia campaña contra Núñez Feijóo denunciando incumprimentos e mentiras do PP neste mandato.
feijoo mentiran

Descarga e difunde como actualización, no século XXI e na Galiza, do agit-prop. Unha páxina web, http://botamolos.wordpress.com/, está a revolucionar as redes en plena campaña electoral coa base no DIY (Do it Yourself, faino ti propi@) do primeiro hardcore. Cunha estética limpa, directa e atractiva, e coa mensaxe clara de que este 21-O "hai que votar para botalos", a web ofrece gratuitamente unha serie de cartaces que se poden descargar para a súa difusión polo medio que máis lle preste ou interese á ou ao usuari@.

"Non hai regras prestablecidas. A nosa imaxinación é a arma mais forte", sinalan nesta páxina con material gráfico. "Facede uso del do xeito que prefirades, tanto as imaxes como os textos deste blog están cedidos ao dominio público", indican os promotores da idea.

"Non hai regras prestablecidas. A nosa imaxinación é a arma mais forte", sinalan nesta páxina con material gráfico

Impacto visual e reflexión

Até o de agora levan varios cartaces deseñados. Denuncia e ironía entrelázanse en boa parte deles, na procura do impacto visual e a reflexión. No chamamento á cidadanía que os promotores da web inclúen, apuntan que "o 21 de outubro temos unha cita coas urnas. Segundo a maioría das enquisas publicados até o de agora, o PP está moi perto de revalidar a súa maioría absoluta. De seguro que a maioría de nós pensamos que non é esaxerado considerar este escenario como un auténtico suicidio colectivo".

"Unha maioría absoluta do PP sería un auténtico suicidio colectivo"

De aí que, proseguen, "son tantos os motivos para botalos que parece incríbel que alguén pense en ficar na casa o 21-O. Como medida preventiva, daquí ao domingo imos recordar aos nosos familiares, amig@s, veciñ@s, compañeir@s do choio, xente no bar, etc. Desde aquí deixámosvos unha pequena axuda a xeito de cartaz. Se vos presta podédelo pegar onde mellor vos pareza: no voso muro de facebook, na uni, no choio, no bar, na biblioteca… Canta mais xente recorde mellor!".

Revolta nas redes contra Feijóo

Desde que comezou a campaña, xurdiron varias webs que fan o papel de denunciar e dar a coñecer aquelas novas relacionadas con Feijóo candidato e Feijóo presidente que un lector non pode atopar nos grandes medios de comunicación. Desde Feijoo2012 a Galicia Primeiro, o abano de rexistros que empregan estas páxinas é amplo, desde a retranca e a ironía até as denuncias documentadas e argumentadas.

Comentarios