venres 10.07.2020

Haberá manifestacións da CIG despois que a XEP se declarase incompetente para resolver a petición do PP de as prohibir

Malia a intención do Partido Popular de impedir a súa realización, finalmente as manifestación convocadas pola CIG para esta tarde terán lugar. A Xunta Electoral de Lugo, declarouse incompetente para resolver a denuncia presentada polo PP na que pedían que estas se prohibisen.

A XEP argumenta que só ten competencias dentro do período de campaña electoral, que enceta esta medianoite, e que mentres é a Subdelegación d Goberno a que ten atribucións para autorizar mobilizacións.

O Partido Popular solicitaba que se suspendese o exercicio dun dereito fundamental como o de manifestación baixo o argumento de que as manifestacións convocadas pola central sindical nacionalista “desaconsellan o voto a unha formación política”. Aliás, a convocatoria contaba xa coa autorización das subdelegacións do Goberno.

Desde a CIG afirman que “non deixa de ser curioso” que a denuncia fose presentada polo PP, dado que esa forza política xa recibiu sete resolucións da Xunta Electoral por comportamentos que vulneran a normativa electoral.

Asemade, a CIG fai un chama “a participar de forma máis activa, se cabe, nas mobilizacións convocadas para esta tarde en toda Galiza, exercendo o dereito á liberdade de expresión e de manifestación” que segundo afirman o PP “vén poñendo en cuestión desde a súa chegada ao poder”.

Sétimo incumprimento do PP da LOREX coa campaña inda por iniciar

Como xa se sinalou o Partido Popular acumula xa sete incumprimentos da Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral, LOREX. Así o sinalan as resolucións da Xunta Electoral, organismo que vén de emitir un novo ditame no que prohibe que a conselleira Beatriz Mato e a concelleira do PP en Compostela, Paula Prado, realicen máis visitas propagandísticas como a realizada ao Centro Integral de Recuperación da Muller en Santiago o pasado 24 de setembro

Haberá manifestacións da CIG despois que a XEP se declarase incompetente para resolver...
comentarios