CxG presenta algunhas das medidas económicas do seu programa

Compromiso por Galicia aposta por unha mudanza do modelo de desenvolvento económico. Propoñen políticas públicas de reactivación produtiva compatíbeis coa “contención do gasto público”. CxG manterá esta semana varios encontros con organizacións empresariais.

Compromiso por Galicia vén de anticipar algunhas das propostas que incluirán no capítulo económico do seu programa electoral, aínda en elaboración e que será presentado proximamente. Todas xiran entorno a unha idea forza, “mudar as bases do noso modelo de desenvolvemento económico apostando polo coñecemento, a inovación e o emprendemento”.

Entre as medidas que apuntan na forza liderada por Xoán Bascuas, atópase a creación dunha Axencia galega de ciencia e innovación, en que se concentrarían todas as competencias nos eidos da innovación e o emprendemento. CxG aposta por “apoiar á pequena e mediana empresa” así como por “políticas públicas de reactivación económico”. Políticas que desde Compromiso apuntan serán compatíbeis co “aforro e a contención do gasto público”. Neste sentido, sinalan como medidas concretas a redución do gasto farmacéutico ou a eliminación das deputacións provinciais.

Asemade, manifestan a súa aposta por implementar o modelo de “orzamentos participativos” para a elaboración dos presupostos da Xunta mais sen concretar, polo momento, de que xeito.

Encontros co empresariado

Dentro da axenda de CxG para esta semana figura a celebración de varios encontros con organizacións empresariais. Esta terza reuniranse coa Asociación comarcal de empresarios da Estrada e a cuarta farano coa Asociación de empresarios de Bergondo.

Comentarios