CxG “exixirá” un Pacto Social polo crecemento e o emprego entre partidos, sindicatos e empresariado

O mitin de Compromiso por Galicia na cidade da Coruña tivo ao emprego como protagonista. Cunha referencia expresa ao desemprego xuvenil, por boca da súa candidata moza, Paula Turnes, a formación focou a súa mensaxe na necesidade de estimular a economía para favorecer a creación de postos de traballo.

O candidato de CxG á Presidencia da Xunta, Xoán Bascuas, afirmou que “exixirán” a todos os partidos políticos, sindicatos e patronais un “Pacto Galego polo Crecemento e o Emprego”. O acordo, do que non precisou os termos nin as súas liñas xerais, tería o propósito de orientar todos os recursos “do autogoberno e da sociedade para a xeración de actividade económica e a creación de 130.000 postos de traballo”.

Acordos semellantes xa foron asinados en numerosas ocasións no marco das mesas de diálogo social impulsadas polo actual Goberno galego, sen que se traduciran en resultados concretos. Tanto é así, que CCOO e UGT decidiron abandonar as referidas mesas, ás que a CIG xa renunciara desde un primeiro momento pola súa falla de utilidade.

Entre medidas concretas presentadas, Bascuas citou a constitución dun Instituto Galego de Crédito Público,destinado a financiar a pequena e mediana empresa, autónomos e novas e novos emprededores. Tamén fixo referencia a un plano de apoio ás iniciativas empresariais da xente moza dotado con 70 millóns de euros.

Comentarios