Mar

A Xunta cuantifica a caída da produción marisqueira nas rías en máis de 80%

A Consellaría limita as causas da mortaldade ás altas precipitacións.
Unha muller sostén crías de bivalvos mortos arrastrados á enseada de San Simón, na ría de Vigo. (Foto: Adrián Irago / Europa Press)
photo_camera Unha muller sostén crías de bivalvos mortos arrastrados á enseada de San Simón, na ría de Vigo. (Foto: Adrián Irago / Europa Press)

A produción marisqueira sufriu unha caída de máis de 80% na Galiza entre 24 de outubro e 24 de novembro, o que se traduciu nunha caída de 57% en facturación nas lonxas. Esta é unha das conclusións que recollen os informes encargados pola Xunta da Galiza a MeteoGaliza, Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) e o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) para elevar ao Estado a reclamación de declaración de zona catastrófica das rías galegas debido á mortaldade do marisco no outono, o que a Xunta achaca ás altas precipitacións que rebaixaron a salinidade da auga.

O conselleiro do Mar, Alfonso Vilares, mantivo un encontro esta cuarta feira con representantes das confrarías para a posta en marcha dun plan de acción que contribúa a recuperar a produtividade. Porén, desde colectivos como Defensa da Ría de Arousa, Plademar Muros-Noia, confrarías, mexilloeiros e Agrupacións de marisqueo inciden en que a que a Xunta da Galiza ten "responsabilidades".

"Non estamos ante un descenso puntual deste ano, estamos ante unha debacle progresiva e anunciada hai unha década, cunha Administración sen iniciativa, que non aborda os problemas de fondo e tapa os datos con eventos meteorolóxicos ou climáticos mediante os que elude as súas responsabilidades competenciais", denunciaban nunha comparecencia a finais de 2023.

Naquela comparecencia pediron  axudas directas para o sector, un plan de rexeneración e un estudo independente e multidisciplinar sobre a mortaldade; exixían atallar a contaminación das fábricas, EDAR e minas e controlar a contaminación dos ríos e transparencia nos protocolos de desencoro.

Comentarios