A Xunta aproba un teito de gasto para 2023 de 12.599 millóns de euros

O Parlamento galego debaterá a súa tramitación esta cuarta feira.
Sesión do Parlamento galego. (Foto: Parlamento da Galiza)
photo_camera O Parlamento galego aprobará esta cuarta feira o teito de gasto de 2023. (Foto: Parlamento da Galiza)

O Goberno galego aprobou no Consello extraordinario da Xunta da Galiza que decorreu na mañá desta segunda feira un teito de gasto non financeiro de 12.599 millóns de euros para 2023, 8,2% máis que o deste ano, o que supón "o máis elevado da súa historia".

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, saíron a explicar os primeiros detalles dese teito de agosto acordado polo Executivo galego e que aprobará na cuarta feira no Parlamento, grazas á maioría absoluta do PP na Cámara.

Rueda afirmou que a Galiza é a primeira autonomía en aprobar o seu teito de gasto, necesario para elaborar os orzamentos do vindeiro ano. Estas contas presentaranse o 20 de outubro, co obxectivo de que entren en vigor en tempo e forma o día 1 de xaneiro de 2023.

Segundo o presidente galego, este teito de gasto busca que "todas esas incertezas, esas dificultades, o sexan moito menos". Rueda tamén adiantou que os orzamentos de 2023 estarán centrados en 3 eixos: "emprego, familia e futuro".

PIB do primeiro trimestre de 2023

Por outra parte, o dirixente galego afirmou que prevé que no primeiro trimestre de 2023 o país recupere os niveis de Produto Interior Bruto (PIB) de antes da pandemia.

Con todo, o Goberno galego prevé que o PIB creza 3,6% este ano, o que supón unha redución fronte ás previsións iniciais que o fixaban en torno a 6%..

O conselleiro de Facenda subliñou que a Galiza "encadeará tres anos consecutivos de crecemento", após a caída de 2020 pola crise sanitaria.

A preguntas sobre se a Galiza prevé rebaixas fiscais nos orzamentos do próximo ano, Corgos explicou que se abordará ao seu debido tempo, aínda que asegura que se van "consolidar" as rebaixas realizadas até o día de hoxe.

Comentarios