O PP limita o investimento público da Xunta para 2021 a pesar de vivir a peor crise do século

A austeridade que "abraza Feixoo" sería un suicidio social, alerta a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. O PP sacou en solitario o teito de gasto cos votos en contra do Bloque e do PSdeG. 
O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, compareceu onte no Parlamento para defender o novo teito de gasto da Xunta.
photo_camera O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, compareceu no Parlamento para defender o novo teito de gasto da Xunta.

O Partido Popular aprobou en solitario, grazas á súa maioría no Parlamento, o límite de gasto non financeiro da Xunta da Galiza, ficando en 11.664 millóns de euros para o ano 2021 (14,9% máis respecto ao ano anterior). Ese teito foi definido de "excepcional, prudente e rigoroso" polo conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, esta terza feira, 10 de novembro, na Cámara, mentres a oposición o criticou por "insuficiente" e demandou máis volume de investimento para protexer a poboación máis vulnerábel en plena crise económica e sanitaria. O BNG mesmo pediu a eliminación do límite de gasto.

O termo teito ou límite de gasto non financeiro refírese ao mecanismo de xestión orzamentaria a través do que, unha vez estimados os ingresos que se van producir no exercicio, calcúlase o límite máximo de gasto orzamentario que permita á Administración pública cumprir co chamado "obxectivo de estabilidade".

A aprobación do límite de gasto é o paso previo para proceder á elaboración dos orzamentos. Agora, con el aprobado, a previsión da Xunta é sacar adiante os orzamentos "coa maior celeridade" e aspira a "estar en condicións" de aprobalos neste mes.

Pontón pide

Pontón pide deixar atrás o "dogma do déficit cero"

A xefa da oposición e portavoz do BNG, Ana Pontón, explicou no Parlamento, en relación ao debate dos orzamentos, que a Galiza "xa estaba en crise antes da pandemia e que coa Covid-19 exacerbouse até a emerxencia a situación no ámbito sanitario, económico e social" polo que avogou por "deixar atrás o dogma do déficit cero imposto polo centralismo, do que Feixoo foi un aplicado alumno". Desta maneira a líder nacionalista defendeu suprimir o teito de gasto nas contas públicas do próximo ano. 

“Non se pode pór un corsé ao Goberno cando vemos que está en xogo a vida das persoas", dixo Pontón

“Non se pode pór un corsé ao Goberno cando vemos que está en xogo a vida das persoas. Necesítase investir máis e ben”, argumentou, tras recalcar que a pandemia “está tirando por terra os dogmas neoliberais e centralistas e hoxe ninguén discute que a austeridade, que tanto abrazou Feixoo, sería un suicidio social, sanitario e económico”.

Pola contra, o que necesita Galiza, recalcou a portavoz do Bloque, “é un autogoberno máis forte para protexer mellor a nosa sociedade, nun momento en que vemos como a crise fai que en pleno século XXI haxa colas para poder acceder a alimentos".

Nese sentido, a nacionalista defendeu investir e reforzar a sanidade e educación públicas, axudar a pequena e mediana empresa, a hostalaría, a cultura ou o comercio.

O PSdeG e a saúde como prioridade

Ao igual que Ana Pontón, a deputada do PSdeG, Begoña Rodríguez Rumbo, puxo na Cámara a sanidade en primeiro lugar e fixo referencia ao "dato esperanzador" sobre a vacina contra o coronavirus, pero tamén incidiu en que "non poden seguir as políticas de austeridade".

O debate orzamentario, para a socialista, "ten que ser diferente", xa que "sen saúde, todo o demais é secundario" e "sen loitar contra a pandemia non se vai recuperar a economía", e engadiu que "as Administracións teñen que xerar confianza e pór todos os medios ao seu alcance para que os máis afectados por esta crise non queden atrás". 

O PP vota en contra de incrementar os recursos dos concellos

Estado e Xunta deben transferir fondos extra aos concellos para que estes poidan facer fronte aos gastos imprevistos derivados da Covid-19, eis a demanda que o BNG presentou na Cámara a través dunha moción do deputado Luís Bará. O nacionalista lembrou que os municipios están a asumir máis competencias e gastos pola crise a pesar de non contar con fondos suficientes e urxiu a derrogar a 'lei  Montoro' para eliminar o límite de gasto. Bará lamentou a oposición do PP á súa moción.

A deputada Begoña Rodríguez (PSdeG) instou a Xunta a incrementar o fondo de cooperación local, afirmando que "os concellos non contan con recursos suficientes" e propuxo aprobar unha lei para regular a participación da Xunta no financiamento dos concellos e erradicar “o reparto caciquil das subvencións da Xunta". 

Comentarios