“A Xunta necesita máis axentes, pero non contrata máis persoal. O que propón é aumentar un período extraordinario que xa é excesivo, e que xa estaba mal pagado e compensado. E a xente levántase, despois de dez anos, reclamando melloras laborais”, di a secretaria nacional de CIG-Administración autonómica, Zeltia Burgos. O Goberno galego quere ampliar de catro a seis meses o período considerado de alto risco de lumes, o que se traduce para os axentes forestais e medioambientais do país en xornadas de 12 horas diarias durante a metade do ano.
Unha medida que non ten en conta ningunha das reivindicacións continuas dos traballadores e traballadoras, funcionarias da Xunta, pois antes da proposta xa consideraban abusivas as súas xornadas. “As quendas son presenciais en monte, é dicir, non hai bases como no caso dos bombeiros das cidades ou noutras comunidades. Aquí é traballo efectivo, son horas de gran responsabilidade”, conta Burgo, en declaracións a Sermos Galiza.
Desde a central sindical nacionalista recordan que levan desde o ano 2007 reclamando un acordo que regule as condicións de traballo: horarios e xornadas, permisos, o recoñecemento da segunda actividade, así como as compensacións por excesos de xornada e polos riscos laborais e para a saúde asociados ao seu labor. Máis os numerosos intentos por acadar un documento de mínimos –os últimos desde o pasado novembro– quedaron sempre en nada.
[Podes ler a reportaxe íntegra no número 302 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques habituais]