As vivendas turísticas galegas, as que menos demanda teñen na costa

O grao de ocupación de prazas hoteleiras en abril na Galiza quedou fixado en 37,8%.
A ocupación hoteleira mellorou en abril (Foto: Xoán Roberes).
photo_camera A ocupación hoteleira mellorou en abril (Foto: Xoán Roberes).

Oito de cada dez vivendas turísticas situadas a menos de 15 quilómetros dunha praia xa están reservadas para o mes de agosto. Así se desprende dun estudo de Rentalia, a plataforma vacacional do portal inmobiliario Idealista, que sitúa as localidades galegas entre as que menos nivel de ocupación presentan

En concreto, o estudo sitúa e 69% a cobertura da oferta na Coruña para o mes de agosto e en 72% a de Pontevedra. Ademais, os territorios de costa galegos son os que menores subas rexistran nas reservas con respecto ás cifras do pasado ano. 

Así, A Coruña pasou de 68,6% de ocupación a estas alturas de 2021 a 69%, mentres que no caso de Pontevedra ascendeu de 67,2% a 72% en 2022.

Estes datos déronse a coñecer no mesmo día no que o Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou as cifras de ocupación hoteleira do mes de abril, mes no que se rexistraron máis de 680.000 estadías nos estabelecementos galegos, o que supón 254,55% máis que no mesmo mes de 2021.

Acumulado do ano

No que vai de ano, a Galiza rexistrou 1,65 millóns de estadías hostaleiras, segundo os datos do INE. Só en abril, os hoteis galegos rexistraron 379.028 turistas, o que supón un 275,66% máis con respecto ao mesmo mes do ano anterior.

Desa cantidade, algo máis dun terzo (276.491) correspóndese con persoas de nacionalidade española, mentres que o resto foron turistas estranxeiros.

Con todo, a Galiza só representou 5% das estadías no conxunto do Estado español en abril,  onde destacan territorios como Andalucía, Catalunya e o País Valenciá con 21,1%, 14,4% e 13,2% do total de estadías, respectivamente. 

Por baixo dos valores previos á pandemia 

O grao de ocupación de prazas hoteleiras en abril na Galiza quedou fixado en 37,8%, cun total de 682.981 estadías e unha permanencia media por turista de 1,80 días.

A nivel estatal, as estadías en estabelecementos hostaleiros superaron os 25,1 millóns, o que supón multiplicar por seis (+507%) a cifra rexistrada no mesmo mes de 2021, cando houbo 4,1 millóns de estadías.

Porén, a pesar deste forte incremento respecto a 2021, os datos do INE revelan que as estadías rexistradas en abril deste ano polos estabelecementos españois son inferiores ás que houbo en abril de 2019, antes da pandemia, cando se rexistraron 26,8 millóns de estadías.

Comentarios