Galiza segue a alimentar a burbulla das vivendas turísticas, que aumentan 7,6%

Galiza suma case un milleiro de viviendas turísticas máis no último ano, o que a converte no segundo territorio após Cantabria que máis crece.
Paseo da praia de Silgar, en Sanxenxo, onde as e os profesionais médicos deben destinar 50% das súas xornadas a atender turistas (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press).
photo_camera Paseo da praia de Silgar, en Sanxenxo (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press).

O alugueiro turístico segue a vivir a súa época dourada na Galiza a costa de reducir a oferta de vivendas en alugueiro convencional. Segundo os datos dun estudo experimental do Instituto Nacional de Estatística (INE), no país había a 31 de agosto un total de 13.502 inmóbeis destinados a arrendamentos para uso turístico, case un milleiro máis que hai tan só un ano (12.548).

Este incremento, de 7,6% en comparación con agosto de 2020, sitúa Galiza como o segundo territorio no que máis aumentan as vivendas de uso turístico, só superada por Cantabria (+9,7%). A medida de crecemento no conxunto do Estado español, onde hai xa 306.000 vivendas turísticas rexistradas foi neste período de 4,5%.

A Federación Galega de Empresas inmobiliarias (Fegein) xa indicaba en maio que a rendibilidade do alugueiro estaba fóra de toda dúbida, se ben "se atopa cada vez máis no mercado de vivendas turísticas, e aí é onde se están a derivar vivendas do circuíto tradicional", apuntaba o seu presidente, Benito Iglesias.

Porén, segundo os datos do INE, a porcentaxe de vivenda turística sobre o total de vivendas é na Galiza de 0,8%, menor que o 1,2% da media estatal. En total, a oferta de prazas ascende a 72.753, fronte as 67.050 que figuraban no mercado en agosto de 2020.

Estabilidade nas cidades

No último ano, o comportamento da oferta nas cidades galegas foi moi desigual. O número de vivendas rexistradas aumentou na Coruña (+27), até as 583; Vigo (+37), até as 795, e Ferrol (+11), até as 145, mentres que descendeu nas outras catro. 

Especialmente significativa foi a caída en Santiago de Compostela, onde o Concello está a tratar de regular estas prácticas despois de anos nos que atopar un alugueiro na cidade non vacacional era case misión imposíbel. En só un ano, a capital galega pasou de ter 759 vivendas turísticas a contar con 699, 60 menos en só 12 meses. 

Máis modestos foron os descensos nas outras cidades. Lugo pasou de 168 a 167 vivendas turísticas (-1); Ourense, quedou nas 193 (-4) e Pontevedra contabilizou en agosto 10 inmóbeis para uso turístico menos que o ano anterior, con 305 en total.

Os pequenos piden paso

Mentres nas cidades as oscilacións non son moi significativas en relación ao total de vivendas, nos concellos de menor poboación moitas familias están a ver nos alugueiros vacacionais unha fonte de xeración de ingresos moi atractiva, aínda que moi puntual pola estacionalidade.

Practicamente todos os concellos do litoral teñen un número de vivendas turísticas considerábel, en ocasións desproporcionado respecto ao parque total de inmóbeis da localidade. 

Destacan casos como o de Sanxenxo, con 1.109 vivendas turísticas e 5.943 prazas), case tantas como A Coruña e Vigo xuntas.

Segundo os datos do INE, en agosto deste ano houbo 36 concellos que sumaron máis dun cento de vivendas para uso turístico, e 9 con máis de 200 (sen contar as cidades), mentres que hai só un ano eran 29 os concellos que superaban a centena e só 7 os que contaban máis de 200, unha cifra que moitos deles están xa preto de superar.

O Salnés, Costa da Morte e A Mariña

A comarca do Salnés, con concellos como O Grove e Sanxenxo, foi sempre referente na oferta turística de apartamentos na Galiza, unha realidade que tamén queda reflectida nas estatísticas do INE, que constatan un forte incremento de vivendas turísticas no último ano. Sanxenxo sumou máis de medio cento (+61); O Grove 52, até as 412, e Poio 41, superando as 300 (312).

Significativos son tamén os crecementos na Costa da Morte, con Carnota e Fisterra á cabeza (258 e 205 vivendas turísticas, 22 e 20 máis, respectivamente), e na Mariña, a zona que máis viu aumentar a oferta deste tipo de inmóbeis nos últimos anos até rozar o milleiro. Destacan Foz, con 248 (24 máis que en 2020); Barreiros, con 188 (+19); Viveiro, con 187 (+35), e Ribadeo (182), con 23 pisos turísticos máis que en 2020.

Comentarios