Caída das capturas e pesimismo na frota galega após un mes do veto á pesca de fondo

Asociacións do sector na Galiza mostraron a súa preocupación sobre a subsistencia das empresas debido a que moitos barcos tiveron que buscar outros caladoiros onde pescar.
Un barco no porto de Viveiro (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Un barco no prto de Viveiro (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

O sector pesqueiro galego aínda está a tratar de adaptarse á nova situación imposta após a entrada en vigor o pasado 9 de outubro do regulamento europeo que veta a pesca de fondo en 87 caladoiros do Océano Atlántico, o que supuxo unha caída das capturas e fixo que se instale unha sensación de "pesimismo" de cara ao futuro.

Asociacións do sector na Galiza mostraron a súa preocupación sobre a subsistencia das empresas debido a que moitos barcos tiveron que buscar outros caladoiros onde pescar. No entanto, na maioría das ocasións non obteñen alí os mesmos resultados que nas súas zonas tradicionais de traballo.

Así, o presidente da Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI), Javier Touza, lamentou como esta nova lexislación suporá unha redución "importante" da rendibilidade das compañías, polo que augurou que se esta situación non se soluciona "pronto" podería acabar nunha redución da frota galega co despezamento de barcos.

Até agora, subliñou que a Cooperativa trata de analizar as consecuencias que supuxo a lei neste mes que leva vixente, mostrando a súa preocupación pola caída das capturas, aínda que recoñeceu que o mal tempo vivido nas últimas semanas fai "difícil" diferenciar a que factor se debe o baixón nas toneladas pescadas.

A pesar diso, explicou  que as zonas vetadas nalgunhas ocasións eran utilizadas por certos barcos para pescar durante o inverno especies rendíbeis que non teñen cota, como é o caso da pota.

"Algunhas empresas viran aí unha boa rendibilidade, porque os volumes de produción eran bos, os prezos eran bos e era unha forma de diversificar capturas porque non hai cota, permítese pescar o que se poida, sempre con certas limitacións de tamaño. Ter estas opcións era un alivio importante. O non poder dispor deste recurso é unha moi mala noticia", criticou Touza.

80 millóns de impacto

Na mesma liña falou o presidente da Alianza Europea de Pesca de Fondo, Iván López, quen confirmou que se están rexistrando caídas nas capturas debido a que os barcos están a buscar novas zonas onde pescar. A pesar de non dispor de cifras exactas, calcula que na Galzia esta medida terá un impacto anual duns 80 millóns de euros menos de facturación.

En declaracións a Europa Press, López subliñou que na actualidade os buques están a desprazarse ás zonas onde si se permite pescar, a pesar de que recoñeceu que nalgunhas especies, por exemplo a pescada, quizais o sector non sexa capaz de pescar o total de toneladas que se lles permite.

Pola súa parte, o presidente da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores, Basilio Otero, situou a caída das descargas procedentes da pesca de palangre en 50% neste mes desde a entrada en vigor do veto, con perdas superiores.

"As perdas son moito maiores a este 50%", asegurou Otero, debido a que moitos barcos teñen que pasar máis días no mar esperando a que outros buques saian de certas zonas para poder acceder eles a pescar alí, o que supón un aumento do gasto en combustíbel, que á súa vez está a un prezo "por encima da rendibilidade".

Comentarios