O Parlamento galego votará esta cuarta feira se pide compensar ao sector da pesca de artes de fondo

A iniciativa, presentada polo BNG, exixe un "plan de continxencia".
A deputada do BNG, Rosana Pérez, no pleno do Parlamento (Foto: Nós Diario).
photo_camera A deputada do BNG, Rosana Pérez, no pleno do Parlamento (Foto: Nós Diario).

A recente decisión da Unión  Europea (UE) de prohibir a pesca de artes de fondo en 87 caladoiros do Atlántico nororiental, tomada pola Comisión Europea  e que entrou en vigor o pasado 9 de outubro, está a provocar un importante impacto sobre o sector pesqueiro galego.

O pleno do Parlamento galego debateu esta terza feira, e deixou para votar para a cuarta, unha proposisión non de lei presentada polo BNG para instar á Xunta da Galiza que demande  da UE e do Goberno español a posta en marcha de medidas que compensen as consecuencias socioeconómicas derivadas desta prohibición. 

"Non se debe repetir o que aconteceu co Brexit e ten que haber medidas e un plan de continxencia xa", defendeu a deputada do BNG Rosana Pérez no pleno.  

Desde o PSdeG, a deputada Patricia Otero anunciou o seu voto favorábel aínda que sinalando que "o sector non quere subvencións, quere traballar".

Rematou a quenda de intervencións a deputada do PP, Teresa Egerique, criticando que "as contradicións do BNG" cos seus socios europeos "que puxeron en marcha estas medidas do ecoloxismo radical".

Medidas compensatorias 

A proposición non de lei presentada polo Grupo nacionalista que se votará exixe da UE e do Goberno español a posta en marcha de “medidas que compensen as consecuencias socioeconómicas derivadas da decisión da Comisión Europea” e que “garantan os ingresos económicos da frota afectada”. 

Ademais, demanda “elaborar e levar a cabo un plan de continxencia” que reduza “ao mínimo o impacto social e económico da entrada en vigor da prohibición”.

Por último, a iniciativa procura que se leven a cabo “as medidas necesarias dirixidas a evitar o despezamento dos buques e a manter os postos de traballo na frota afectada pola prohibición".

Comentarios