A UE mantén o veto á frota e afectará a partir de 400 metros de fondo

O Goberno do Estado español explicou esta quinta feira que a Comisión Europea, segundo lle comunicou, rectificou o veto á pesca de fondo, en 41 das 87 áreas nas que se ía aplicar a decisión, até os 400 metros. Porén, a Comisión desmentiu o Executivo estatal e explicou que se xa prevía que a veda se aplicará só a partir dos 400 metros de profundidade.
O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación do Estado español, Luis Planas, conversando esta quinta feira co alcalde de Vigo, Abel Caballero. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
photo_camera O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación do Estado español, Luis Planas, conversando esta quinta feira co alcalde de Vigo, Abel Caballero. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)

O Goberno do Estado español anunciou esta quinta feira que a Comisión Europea levantará o veto á pesca de fondo nas áreas do Atlántico Norte entre cero e 400 metros de profundidade, unha situación que afecta 41 das 87 zonas de exclusión incluídas no regulamento dos ecosistemas mariños, o que na práctica supón que parte da frota galega de arrastre podería seguir pescando en 41 áreas, mais sempre dentro das zonas desa profundidade.

O ministro español de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, confirmou esta quinta feira, durante a súa visita á Feira Conxemar de Vigo, no recinto do Ifevi, que a Comisión accedeu, e que así o trasladou "por escrito" ao Executivo estatal, a permitir a pesca a esas profundidades, despois de que o Estado español comprobase, en coordinación co sector, que había "erros notábeis" desde o punto de vista das batimetrías e a cartografía na medición das profundidades das áreas.

Porén, a Comisión Europea corrixiu pouco despois a Planas, e explicou que non hai cambios na norma, que xa prevía que a veda se aplicará só a partir dos 400 metros de profundidade. "Non hai cambio na regulación. En recentes intercambios, a Comisión simplemente aclarou o texto unha vez máis ao Executivo español e aos doutros Estados membro afectados", aseguraron fontes da Comisión Europea.

Por outra parte, o titular de Pesca sinalou que presentará de igual maneira o recurso ao regulamento de Bruxelas. Cuestionado sobre unha moratoria ao regulamento, insistiu en que o Estado español vai ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) "para gañar".

Preguntado sobre a posibilidade de estabelecer axudas temporais ao sector, Planas indicou que o Goberno español "non está aí" polo de agora. "Estamos aínda na batalla do regulamento", resolveu o ministro. Planas confirmou, ademais, que Vigo será sede, "os primeiros días de xullo", dunha reunión do Consello de Pesca da UE, no marco da Presidencia española da Unión.

Pola súa parte, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, indicou esta quinta feira que non ten toda a documentación necesaria para saber como afectará este anuncio á frota galega. Con todo, indicou que de suspenderse o veto neses 41 caladoiros sería unha "boa noticia", aínda que non cumpriría as demandas do sector.

Segue en pé a mobilización

José Antonio Pérez Sieira, presidente da Federación galega de confrarías de pescadores, en declaracións a Nós Diario, explicou que "de momento non facemos ningunha valoración" xa que "isto non foi publicado nin explicado pola Comisión Europea". "Aínda que o anunciaran non nos fiamos porque están facendo todo moi mal", sentenciou Pérez Sieira, que explicou que hoxe o sector pesqueiro reunirase coa Consellaría do Mar.

Con respecto á manifestación convocada para este sábado en Ribeira, o presidente da federación adiantou que manteñen a súa convocatoria "con máis gana aínda", posto que "non poden xogar co futuro do traballo dos pescadores sen ningún tipo de estudos que avalen esas medidas".

O anuncio xera confusión

Suso Lourido, responsábel de frota e xerente de produtores de Celeiro (Viveiro), en declaracións a este xornal, argumentou que o anuncio do Executivo español "só é a confirmación de que se poderá pescar até os 400 metros". "Hai unha confusión tremenda, non se eliminou ningún polígono do veto, só cambia que podemos pescar en certas zonas deses 41 polígonos de suposta rectificación", explicou.

"Hai unha parte do arrastre que lle soluciona en parte este anuncio, mais ás artes fixas non", sinalou o responsábel de Celeiro. "Seguen excluídas moitas das nosas principais zonas de pesca, que chegan até o 600 metros, non nos arranxa nada", laiouse Lourido, que afirmou que aínda non teñen calculadas as consecuencias prácticas.

Esta aclaración "é unha proba de que a Comisión Europea recoñece os graves erros que cometeu, e de que agora terá que ir rectificando aos poucos", afirmou. "Non podía ser doutra maneira, as zonas até os 400 metros non están incluídas no regulamento" concluíu.

Comentarios