JULIO MOSKOWICH, COMITÉ DE EMPRESA DE ALCOA DA CORUÑA

“Os traballadores estamos a vivir isto cunha mistura de preocupación e esperanza”

Delegado da CIG e membro do comité de empresa da factoría da Coruña, recoñece que estaban “un pouco cansos” do actual propietario das plantas coruñesa e de S. Cibrao, un xigante do aluminio estadounidense que “en todos estes anos apenas fixo investimentos”. Empraza as administracións a “mover ficha” sobre un sector que considera estratéxico e lembra que é chace resolver a cuestión da tarifa eléctrica.

Julio-Moskowich alcoa

- Hai ou non hai venda das factorías da Coruña e San Cibrao?

- O que hai é moito ruído e poucas noces (rí). Non sabemos nada máis que o que lemos na prensa, e estes días publicáronse cousas das que non tiñamos coñecemento. Oficialmente só hai un recoñecemento por parte da empresa de que procuran un comprador ou inversor. Si que confirman que hai contactos nese sentido con varios grupos empresariais e fondos de investimentos. Non sabemos máis, hai moitas especulacións...

“Oficialmente só hai un recoñecemento por parte da empresa de que procuran un comprador ou inversor”

- Mais xa vos reunistes coa empresa, non vos dixeron nada máis?

- Houbo unha reunión nas tres fábricas [A Coruña, San Cibrao e Aviles] o día en que saiu a noticia, unha xuntanza na que basicamente viñeron dicirnos que si, que había eses contactos. Non nos dixeron con quen, nin quen estaba interesado nas factorías alegando á necesaria confidencialidade.

- Hai preocupación?

- Levamos anos con preocupación. A situación viña sendo cada vez máis precaria. Mais tamén hai certa esperanza porque pode haber cambios para mellor. Nestes anos Alcoa non apostaba nestas factorías, non fixo investimentos nin en novos produtos nin en modernizar as instalacións... O único que fai é exprimir e exprimir, e estabamos xa un pouco cansos. Así que se pode dicir que hai preocupación e esperanza. O que si que teño claro é que, fique quen fique con estas factorías, hai que clarificar de vez a cuestión do sistema eléctrico.

“Fique quen fique con estas factorías, hai que clarificar de vez a cuestión do sistema eléctrico”

- A que te refires?

- Ao sistema actual, nos que os prezos son caros e impredecíbeis, co que iso supón para estas plantas onde a electricidade pode representar o 40% dos custos de produción. Por poñer un dato, só no ano 2012 na factoría da Coruña a factura eléctrica era de 54 millóns de euros. É unha actividade que consume moita electricidade. Por iso é importante o da tarifa eléctrica galega, que é un debate impulsado pola CIG, unha ILP que todos os grupos do Parlamento admitiron para o debate na cámara galega.

- Referíaste antes a que Alcoa apenas investiu nas factorías galegas

- Non fixo ningún investimento máis aló dos que eran estritamente necesarios, os mínimos requeridos para cumprir coas novas normas e lexislacións. Mais non fixo ningunha aposta económica nun plan de modernización ou futuro. E nestes anos os beneficios foron de millóns e millóns de euros.

Non fixeron ningún investimentos en todos estes anos máis aló dos que eran estritamente necesarios, os mínimos requeridos para cumprir

- Desde o propio comité cifraban en 2015 os beneficios xerados polas plantas desde a súa compra por Alcoa en máis de 1.500 millóns de euros

- A venta do grupo pódese dicir que foi un escándalo. En 1998 Alcoa comprou 10 plantas ao Estado, ao Sepi (Sociedade estatal de participacións industriais ) por 400 millóns de dólares. E cunha cláusula na que se establecía que nos vindeiros anos o comprador sería compensado pola suba do prezo da electricidade que poidese darse. Pois ben, durante 12 anos esa diferenza na electricidade asumeuno o Sepi, o Estado, Alcoa seguía pagando a electricidade a prezos de 1998. Nós calculamos que en 2007, e só con esa compensación e outras, Alcoa xa recuperara o que gastara en 1998 en mercar as factorías. Só coas compensacións! Engádelle aí todos os beneficios que obtivo desde 1998 até agora... O alumnio é unha mina de ouro, embora agora non esté moi boiante, é un negocio que xera moito carto.

- E que papel debe xogar a Xunta e o Erstado en todo isto, se é que teñen que xogar algún?

Pois teñen moito que dicir, sobre todo no que falabamos antes de regulación eléctrica. Estas factorías eran públicas, do Estado e vendéronse, e dan beneficios. E a Xunta ten que poñerse mans á obra e traballar nisto como sector estratéxico que é é. Estamos a falar de 400 postos de traballo directos na Coruña e 1.200 en San Cibrao.

Comentarios