Alcoa procura comprador para as súas plantas de San Cibrao e A Coruña

Nas factorías galegas traballan 1.800 persoas. O xigante do aluminio comprounas, con outras 8 plantas, hai 18 anos ao Estado, pagando 383 millóns de euros. De 1998 a 2011 os beneficios xerados foron de 1.500 millóns.

manifestación de alcoa
photo_camera manifestación de alcoa

Alcoa procura comprador para as súas plantas galegas (A Coruña e San Cibrao) e para a asturiana de Avilés. O xigante estadounidense do aluminio quer desfacerse destas tres factorías, nas que traballan por volta de 2.200 persoas, 1.800 delas nas galegas: 1.200 en San Cibrao e 400 na Coruña. A noticia vai collendo forma co paso das horas ao tempo que colle forza e aumenta a preocupación entre o cadro de persoal, que recoñece que nos últimos tempos abundaron as 'visitas' ás plantas de persoas que sitúan como directivos doutras compañías. Lembran, tamén, que xa en 2014 a empresa amagara con se desfacer dalgunhas das súas plantas no Estado por mor dos altos custos enerxéticos.

O diario económico Expansión afirma que xa hai unha auditoría en marcha, a cargo de Goldman Sachs, para que este banco de negocios valore os activos. Habería varios interesados nas plantas. Economía Digital suxire que entre a mellor posicionada está o grupo Atlás, estadounidense como Alcoa, e que opera no Estado español a través da filial Aludium. 

En 2011, cuns beneficios sobre a mesa de máis de 400 millóns de euros, a dirección presentou un expediente de regulación de emprego (ERE)

Beneficios

Alcoa comprou á Sociedade estatal de participacións industriais (Sepi) en 1998 varias plantas, entre elas as 2 galegas, pagando menos de 400 millóns de euros. Hai 18 anos. Desde entón, como sinalan os sindicatos, os beneficios xerados polas factorías galegas foron de centos de millóns de euros, que marcharon sen reverter no país. A filial española de Alcoa ingresa uns mil millóns de euros anuais. O 2015 non foi un bo ano para Alcoa, que rexistrou perdas (112 millóns de euros) Mais os exercicios anteriores deixaron importantes beneficios: Perto de 250 millóns de euros en 2014, máis de 110 millóns en 2013, en 2012 o gaño foi de 146 millóns de euros....

Desde os reprersentantes dos traballadores falaron en máis dunha vez do que cualifican de “negocio redondo” de Alcoa pois, sosteñen, obtivo nestes anos grandes beneficios e apenas fixo investimentos nas factorías. Afirman que desde 1998 a 2011 a compañía gañou perto de 1.500 millóns de euros. Os operarios da Coruña lembran que en 2011, cuns beneficios sobre a mesa de máis de 400 millóns de euros, a dirección presentou un expediente de regulación de emprego (ERE).

Os sindicatos denuncian o “escurantismo” co que se está a desenvolver todos os movementos e piden que se lles informe con claridade de cal é a situación.

Comentarios