Unha operación por cada 100 habitantes: medra a compravenda de vivendas, a maioría libres e de segunda man

En 2022 efectuáronse un total de 21.527 operacións, o que supón un incremento de 8,6%, seis puntos menos que a media estatal.
Un edificio en construción na Galiza. (Foto: Europa Press)
photo_camera Das 21.527 vivendas compradas, 20.785 eran libres e só 742 protexidas. (Foto: Europa Press)

A compravenda de vivendas rexistrou en 2022 un aumento de 8,6% na Galiza a respecto do exercicio anterior, até un total de 21.527 operacións. Pola súa parte, a nivel estatal anotouse un incremento de 14,7%, segundo os datos que publica esta sexta feira o INE. As 21.527 vivendas que se compraron o ano pasado no noso país deixan unha ratio de 987 operacións por cada 100.000 habitantes. Ou, o que é o mesmo, case unha operación por cada 100 persoas.

O total de leiras transmitidas, aliás, alcanzou as 109.012, que supoñen 2,3% máis que en 2021 e 5.000 operacións por cada 100.000 galegos e galegas. Estas 109.012 leiras transmitidas en todo o pasado exercicio distribuíronse entre 32.029 rústicas e 76.983 urbanas: 41.864 vivendas, 2.731 soares e 32.388 doutro tipo.

As 41.864 vivendas transmitíronse a través de 21.527 compravendas, 393 doazóns, 67 permutas, 9.981 herdanzas e 9.896 operacións doutra clase. En termos xerais, as vivendas que mudaron a propiedade correspondéronse fundamentalmente con vivenda libre (20.785), fronte ás 742 protexidas, e a maioría eran de segunda man (16.880), fronte ás novas (4.647).

No mes de decembro transmitíronse 8.039 leiras en territorio galego, delas 2.515 rústicas e as demais, urbanas: 3.049 vivendas, 187 soares e 2.288 doutra clase. As 2.515 leiras rústicas transmitidas correspondéronse con 735 compravendas, 42 doazóns, 46 permutas, 946 herdanzas e 746 operacións distintas a estas. E as 5.524 leiras urbanas transmitíronse a través de 2.768 compravendas, 50 doazóns, 26 permutas, 1.381 herdanzas e operacións diferentes a estas nun total de 1.299 casos.

Pola súa parte, as 3.049 vivendas transmitidas no último mes do ano na Galiza foron por compravenda (1.544), doazón (34), permuta (2), herdanza (809) e outro tipo de operacións (660). Un mes máis, a maioría das vivendas que se compraron foron vivenda libre (1.499) e de segunda man (1.227), fronte á protexida (45) e nova (317).

Datos estatais

No conxunto do Estado español, a compravenda de vivendas rexistrou en 2022 un aumento de 14,7% en comparanza co ano anterior, até un total de 649.494 operacións, a maior cifra de transaccións desde o exercicio 2007, cando se realizaron máis de 775.000 compravendas.

Con esta repunta anual, a compravenda de vivendas encadea dous anos de incrementos consecutivos logo de que en 2021 rexistrase un crecemento récord de 34,8%. Anteriormente, en 2020, primeiro ano de pandemia, a compravenda de vivendas esvaeceu a un ritmo de 16,9%, moito máis do que o fixo en 2019 (-2,4%). Entre 2014 e 2018 as compravendas de vivendas rexistraron incrementos anuais.

O avance da compravenda de vivendas en 2022 debeuse ao aumento tanto das operacións sobre pisos de segunda man como ao incremento das compravendas de vivendas novas. En concreto, a compravenda de vivendas usadas aumentou 17,7% o ano pasado, até sumar 532.459 operacións, máximo desde o inicio da serie, en 2007.

Así as cousas, as transaccións realizadas sobre pisos novos aumentaron 2,6%, até as 117.035 operacións, a súa cifra máis elevada desde 2014. O 92,2% das vivendas transmitidas por compravenda durante o ano pasado foron vivendas libres e o 7,8% restante, protexidas. En total, a compravenda de vivendas libres subiu 15,6% en 2022, até as 599.040 operacións, en tanto que a compravenda de vivendas protexidas avanzou un 4,8%, até sumar 50.454 transaccións, a súa maior cifra anual desde 2010.

A pesar de que 2022 foi o mellor ano para as compravendas de vivendas desde 2007, no último mes de 2022 as operacións baixaron 10,2% en relación a decembro de 2021, até sumar 43.370 operacións. Con este descenso, ponse fin a 21 meses consecutivos de alzas interanuais. En taxa intermensual —decembro do 2022 sobre novembro do mesmo ano—, a compravenda de vivendas retrocedeu 21,3%, a súa maior caída neste mes en cando menos cinco anos.

Comentarios