Vivenda

O endurecemento do tipos de xuro infla os prezos das novas hipotecas

A política do BCE provoca expectativas pesimistas que elevan os prezos das hipotecas no mercado.
A sinatura de préstamos a tipo fixo de 1% era común hai un ano (Foto: Europa Press).
photo_camera A sinatura de préstamos a tipo fixo de 1% era común hai un ano. (Foto: Europa Press)

A elevación dos tipos de xuro por parte do Banco Central Europeo (BCE) está a motivar que os novos préstamos asinados estean alcanzando niveis moi altos, tanto é así que, segundo sinalou esta cuarta feira o portal iAhorro, contratar unha hipoteca a un tipo fixo de 3,8% sería rendíbel no caso de que o Euribor experimente unha senda pesimista.

A simulación de iAhorro contempla que o Euribor -que alcanzou unha taxa media superior a 3,3% en xaneiro- seguirá nun nivel de 3% polo menos até 2028. Para os seguintes anos, o portal decidiu estudar un escenario similar aos peores anos antes de a crise, cando a taxa chegou a estar en 4,564%.

Neste escenario, a contratación dunha hipoteca variábel de Euribor máis un diferencial de 0,99%, cun préstamo de 150.000 euros e un vencemento a 20 anos, acabaría obrigando a pagar 64.795 euros só en xuros. 

Estas perspectivas, así como o feito de que se estean considerando como potencialmente rendíbeis hipotecas a un tipo de fixo de 3,8% son sintomáticas da situación actual, máis tendo en conta que hai un ano se asinaban hipotecas a un tipo fixo de 1%, que nas circunstancias anteriormente citadas, implicarían 15.561,95 euros de xuros.

"En 2022 era moi fácil conseguir unha hipoteca fixa que tivese un tipo inferior a 3,8%, polo que, se a historia se repite e volvemos revivir os peores anos do Euribor, quen se decantou entón por unha hipoteca fixa tomou mellor decisión que quen asinou unha hipoteca variábel", valorou o director de Hipotecas de iAhorro, Simone Colombelli.

"A hipoteca variábel é un produto inestábel, hai que coñecelo ben antes de contratalo e non mirar só como nos vai afectar a curto prazo, senón tamén a longo prazo", agregou.

Política monetaria do BCE

As previsións de evolución do Euribor non son positivas, xa que hai menos dunha semana o BCE anunciou que "prevé aumentar os tipos de xuro 0,5% máis na súa próxima reunión de marzo", elevando entón o custo do diñeiro a 3,5%, para posteriormente avaliar a senda futura da súa política monetaria.

Comentarios