Especial 25-X

Soberanía alimentaria? Retos e oportunidades da transición agroecolóxica na Galiza

O concepto de soberanía alimentaria xorde por oposición ao avance do réxime agrario corporativo e pon o acento na autonomía dos produtores e consumidores locais para organizar o seu modelo produtivo. Esta proposta conflúe nos últimos anos cos movementos agroecolóxicos na construción dunha proposta de sistema agroalimentario alternativo. A Galiza conta con condicións favorábeis para este cambio pero está lonxe de acadar un desenvolvemento significativo.
Ao fondo, monte queimado en Baleira en marzo de 2023. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Ao fondo, monte queimado en Baleira en marzo de 2023. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

*David Soto é profesor no Departamento de Economía Aplicada da USC

Vivimos nunha sociedade cunha crecente preocupación e insatisfacción coa alimentación. Isto non é algo novo na historia recente de Europa e do mundo. No tránsito entre os séculos XIX e XX, a crise agraria europea significou unha revisión do papel do mundo rural co xurdimento da cuestión agraria e os debates sobre o papel do campesiñado entre marxistas e populistas.

Na Europa de entreguerras e, sobre todo, despois da II Guerra Mundial, a preocupación pola alimentación favoreceu a formación do proxecto da Revolución Verde, que hexemonizou a forma de entender a produción de alimentos nas décadas seguintes. Mais nestes antecedentes, a preocupación fundamental era a dispoñibilidade de alimentos, o que hoxe entenderiamos por seguridade alimentaria, e a pantasma da fame, coa que, porén, a Revolución Verde non acabou a escala planetaria.

Mais hoxe a nosa preocupación é un tanto diferente. Preocúpanos a dispoñibilidade de alimentos, a volatilidade dos prezos e os impactos na alimentación das crises recentes, evidentemente. Pero preocúpanos tamén o que comemos, a súa calidade, a sobrealimentación, a composición das dietas e, en definitiva, o impacto na saúde. Tamén nos preocupa a forma na que os alimentos son producidos, e onde son producidos; os impactos ambientais (cambio climático, contaminación, eficiencia enerxética) e sociais (quen produce e en que condicións).

[Podes ler a análise íntegra de David Soto no caderno especial Día da Patria Galega que se distribuirá de balde xunto ao Nós Diario a próxima terza feira, 25 de xullo]

Comentarios