CIG reitera a chamada para convocar unha nova folga xeral

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, advirte das graves consecuencias das medidas que pretende aplicar Rajoy para a maior parte da sociedade e chama a outras entidades e sindicatos a preparar o camiño unha nova folga xeral en setembro e outubro

A CIG denuncia o carácter antisocial das medidas que trata de impoñer o goberno Rajoy, á vez que alerta das graves consecuencias que terían para a maioría da poboación, peores aínda para as capas máis desfavorecidas da sociedade, e fai un chamamento para traballar de cara á convocatoria dunha nova folga xeral para os meses de setembro ou outubro.O goberno Rajoy está preparando unha nova batería de medidas, sinalan desde a central nacionalista, entre as que se estarían barallando a suba do IVE, o recorte das pensións, o recorte das prestacións por desemprego, despedimentos masivos de empregadas e empregados públicos, privatización de empresas públicas ou peche de televisións públicas.

Este paquete de medidas e actuacións cunha profunda carga antisocial mrecerían unha resposta contundente

Conversas e contactos

Suso explica que a central sindical traballará coas organizacións sindicais nacionalistas, así como coas de ámbito estatal, para preparar o camiño de cara á convocatoria dunha folga xeral en setembro ou outubro. Unha folga xeral que entende que “debería ter carácter estatal e mesmo, se houbera posibilidades e a Confederación Europea de Sindicatos se puxera ao servizo dos intereses da clase traballadora, carácter europeo”. En todo caso considera que isto último, dadas as circunstancias, “é moi complicado”. Por iso, a CIG centrará os seus esforzos en que, cando menos, se dea esa resposta no ámbito estatal “coa contundencia e intensidade acorde ás graves agresións que supoñen estas políticas”.

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo afirma que con estas medidas queda demostrado que os cartos que a UE vai prestar ao estado español para rescatar á banca si teñen consecuencias e denuncia que “teñen un fondo e claro contido de clase, co obxectivo de beneficiar a unha minoría: os especuladores, os banqueiros e executivos diversos, pero en prexuízo da maioría da poboación”.

"Inaceptábel"

Considera “inaceptábel” que se baralle sequera a posibilidade de rebaixar as pensións e as prestacións por desemprego, porque “provocarán unha diminución da calidade de vida das capas sociais máis desfavorecidas”, unha situación que se verá empeorada, indica, coa previsión da suba do IVE. Alerta que isto, xunto cos despedimentos masivos de empregadas e empregados públicos o que vai provocar, “alén de incrementar de forma significativa o desemprego, será máis recesión e máis caída do consumo, impedindo a reactivación económica, coa consecuencia inmediata dun incremento, aínda maior, do desemprego”.

Tamén subliña a gravidade doutras medidas como a privatización definitiva das empresas públicas que aínda quedan en mans do estado. “O capital non só está a conseguir recortar dereitos, precarizar condicións de traballo, tirar abaixo todo un modelo de relacións laborais e sociais construído durante anos, senón que vai intentar saír da crise facéndose con todo o patrimonio público empresarial, matando así varios paxaros dun tiro”, denuncia.

Comentarios