Os sectores agrogandeiro e pesqueiro, en pé de guerra contra as políticas comunitarias

As mobilizacións, que xa duran semanas no caso do agro, non parecen que vaian decaer, senón que xa hai novas convocatorias, tanto neste sector como no do mar.
Tractorada na Limia o pasado 2 de xaneiro. (Foto: Nós Diario)
Tractorada na Limia o pasado 2 de xaneiro. (Foto: Nós Diario)

Os sectores agrogandeiro e pesqueiro da Galiza alzan a súa voz contra unhas políticas comunitarias que, segundo defenden, van en contra dos intereses do sector primario. Desta maneira, as mobilizacións, que xa duran semanas no caso do agro, non parecen que vaian decaer, senón que xa hai novas convocatorias, tanto neste sector como no do mar.

O acordo de libre comercio asinado este sábado entre a Unión Europea e o Mercosur é a cuestión principal nas protestas do sector agrogandeiro, non só pola súa importancia, senón tamén por estar de máxima actualidade. Con todo, desde este colectivo tamén censuran a intención do Executivo comunitario de realizar recortes na Política Agraria Común (PAC) nun contexto de aposta polo gasto militar desde a Comisión Europea.

Este domingo, profesionais da agricultura e da gandaría realizarán "unha xornada de portas abertas" para as crianzas e as familias cos seus tractores en Lugo coa que pretenden socializar a problemática derivada das políticas comunitarias, algo que xa fixeron a sexta feira a través dunha foliada e o sábado cunha comida.

Ademais, na cidade das Murallas, as mobilizacións stricto sensu, volverán coa semana que entra. Neste sentido, este mesmo sábado, a Cooperativa A Carqueixa, que agrupa máis de 200 familias gandeiras dos Ancares dedicadas á cría de carne de vacún en extensivo, chama a toda a cidadanía a rexeitar o acordo de libre comercio co Mercosur "polos seus efectos lesivos sobre o sector".

Tamén alerta a cooperativa que "para os consumidores suporá un empeoramento dos produtos dispoñíbeis no mercado polos distintos estándares de produción". Así mesmo, chama a mobilizarse contra os recortes na PAC. Así, secunda e chama a participar na mobilización convocada en Lugo a vindeira terza feira 20 de xaneiro ás 11 da mañá, diante da sede da Xunta da Galiza. Ademais, ofrecerá a todas as persoas asistentes unha degustación dos produtos elaborados con carne vacún que comercializa a través do selo 'O Sabor dos Ancares'.

En pé de guerra está tamén o sector en Ourense. Deste modo, este mesmo sábado, máis de 80 tractores e unhas 200 persoas cortaban desde perto das 7 horas da mañá a N-120 en Ourense, na avenida Ribeira Sacra, unha da principais vía de acceso á cidade. "Imos estar aquí até que nos boten", explica Miguel Gómez, gandeiro de Maceda e portavoz dos manifestantes, nunhas declaracións que invitan a aventurar que as mobilizacións seguirán na cidade das Burgas.

Todo iso nunha xornada na que a Unión Europea e os países de Mercosur asinaron o acordo de libre comercio co que as dúas rexións culminan case 26 anos de negociacións e estabelecen un novo marco de relacións que, co campo europeo e media ducia de socios comunitarios en contra, pode entrar en vigor de maneira interina, mais terá que superar un tenso proceso de ratificación para a súa aplicación definitiva.

As confrarías, tamén en pé de guerra

E, neste contexto, as protestas chegan tamén desde o sector do mar. O presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, José Antonio Sieira, chamou este sábado á unidade do sector contra a "barbaridade" dos novos controis impostos pola Unión Europea. Así se expresou nunha carta aberta a dous días de que, esta segunda feira 19 de xaneiro, teña lugar un paro da frota galega en contra destas medidas-

Todo isto nunha xornada na que a secretaria xeral de Pesca do Goberno español, Isabel Artime, reunirase en Madrid con representantes das confrarías españolas e na que haberá protestas do sector. Neste sentido, na súa misiva, Sieira di ter as súas "esperanzas postas na sensibilidade" de Artime, por ser o "último recurso". O presidente dos pósitos galegos alertou do "disparate normativo" que supón o Regulamento Europeo de Control da Pesca, aínda que lembrou que a Federación Galega de Confrarías de Pescadores leva advertindo desta problemática desde 2021 e da "imposibilidade" do seu cumprimento.

Así mesmo, reflexionou a respecto de que son os representantes políticos na Eurocámara os que apoian esta normativa. "Todos os eurodeputados da Comisión de Pesca do Parlamento europeo eran coñecedores das casuísticas da frota artesanal galega; non quedou ningún que non recibise escritos, non quedou ningún sen atender na sede da Federación Galega de Confrarías, por tanto, non quedou ninguén sen saber as consecuencias que a aprobación traería para o sector", deixou claro.

Con todo, resaltou que agora "é o momento de aliñarse cos compañeiros" e apoiar os acordos na Federación Nacional de Confrarías, presidida polo burelense Basilio Otero, para ir "todos ao unísono" en contra desta normativa. Sieira remarcou que a frota non se opón ao control, senón "á inxustiza e á imposición de normativa que aboca ao abandono da actividade". "Apelo á unidade e á solidariedade para axuntar forzas e defender ao noso sector", concluíu o presidente da federación.

Comentarios