sábado 23/10/21

O sector vitivinícola galego reclama atención da Xunta polo seu carácter estratéxico

Galiza ten no viño e na viticultura un patrimonio cultural e económico do que poucos territorios poden presumir. Porén, a Asociación Galega de Viticultura considera que a Xunta non está a darlle a importancia que merece como sector estratéxico que é. Nesa liña, aposta por empregar os fondos europeos para modernizalo.
Viñedos dentro da denominación Ribeira Sacra (Foto: Xunta da Galiza).
Viñedos dentro da denominación Ribeira Sacra (Foto: Xunta da Galiza).

A Asociación Galega de Viticultura-Fruga (AGV) presentaba esta semana unha batería de 24 propostas para devolver ao sector do viño o papel estratéxico que lle corresponde dentro da economía galega. Segundo denuncian, pese a ter un peso relativo importante no sector agroalimentario galego (6%), a viticultura galega non vai acorde cos tempos.

Segundo explica o presidente da asociación, Roberto Rivas, a Nós Diario, "hai dous mundos na viticultura galega; un amparado polas denominacións de orixe (DO) e as indicacións xeográficas protexidas (IXP), que é o que mellor está, e despois hai centos de hectáreas que están sen amparar".

Neste segundo é onde a Galiza está a perder potencial vitícola ─calcúlase en base ás plantacións existentes en 1980─, xa que as persoas particulares, pequenos produtores que suman entre eles centos de hectáreas, están arrincando viñas que fan que eses dereitos se perdan.

Para evitar esta realidade, que no caso das zonas protexidas non se dá, xa que se retira para replantar, desde a Asociación Galega de Viticultura-Fruga propoñen crear unha reserva galega de dereitos de plantación, que permitiría que "os dereitos que se arrinquen na Galiza sexan xestionados no país e non desde o Ministerio". Agora o que se arrinca pasa a unha reserva estatal. "Estannos desaparecendo hectáreas que non poderemos recuperar e que nos van aparecer na Mancha", lamenta Rivas.

Formación autodidacta

Con todo, recoñece que o sector esta "zafando bastante ben" na actual situación de crise derivada da pandemia e os aranceis. "Estanse a manter os macronúmeros pero tamén sabemos que as pequenas adegas e os pequenos viticultores estano a pasar mal, e se iso desaparece vai haber unha gran concentración en mans de grandes adegas e grandes produtores e non pensamos que iso sexa bo para a viticultura galega", advirte o presidente da asociación.

"Estámolo facendo moi ben. Estamos sendo referencia a nivel de viños dentro do Estado e os viños galegos están de moda fóra da Galiza, pero estámolo facendo dunha maneira moi autodidacta, cada un como boamente pode, e xa estamos no momento de dar un saltiño; un salto que pasa pola formación e que non pode quedar outra vez en asociacións e organizacións agrarias, porque damos de si o que damos de si", afirma Rivas.

Neste senso, entre as súas propostas inclúen a de fomentar formación universitaria en viticultura e enoloxía para garantir a profesionalización e o relevo xeracional, sobre todos nas zonas do interior do país. "Temos centros moi bos de formación, pero non temos unha formación universitaria. Se a queres, tes que ir fóra, a Nafarroa ou a Lleida, e cremos que a viticultura da Galiza tamén precisa ter estas titulacións aquí".

Esa aposta pola formación tamén se pode dirixir á formación profesional, por exemplo na de carpintaría, recuperando a especialidade de tonelaría, igual que se fai coa de carpintaría de ribeira. Oficios que teñen un compoñente patrimonial pero que tamén xeran postos de traballo.

A este respecto, desde a AGV suxiren incluír o sector na planificación forestal, apostando por plantacións de carballo e castiñeiro. Rivas pon como exemplo o caso francés. "Os bosques de carballo francés, do que sae a madeira para as barricas, están xestionados polo Goberno. Alí é unha cuestión de Estado".

Porén, sinala, na Galiza xa non se atopa un carpinteiro que arranxe unha barrica. "Antes as boas coidábanse e arranxábanse", recorda Rivas, que lembra tamén que eses mesmos carpinteiros eran "os que facían os emparrados en inverno e as barricas no verán". "Non é algo sentimental, é unha cuestión económica e laboral", incide.

Do urxente ao importante

Con todo, para a asociación o máis urxente é preocuparse polas variedades que están a desaparecer e polas cepas vellas "porque iso é patrimonio". "No momento en que desaparezan non hai marcha atrás. De nada vale arrincalas para facer grandes extensións mecanizadas. Non é o mais importante, pero si o mais urxente", apunta o seu presidente.

En definitiva, avogan por facer ver á Administración que a viticultura galega é un sector estratéxico. "E se pensamos iso, ás ideas que nos propuxemos poden sumarse outras 50 máis. O resto xa se nos ocorrerá como facemos. Pero o que non podemos é mirar para outro lado e pensar que un sector estratéxico deste país pode ser a produción de baterías. Pode selo, pero non o é. Coidemos o que xa temos, e despois de poñelo a andar pensemos na viscosa e nas baterías", suxiren desde a asociación.

comentarios