O sector agrario demanda marcar prezos mínimos para evitar contratos abusivos

O Executivo estatal vén de aprobar a obrigatoriedade de inscribir nun rexistro electrónico os contratos co sector primario. Porén, para o sector, esta medida non arranxa a principal problemática, pois sinala que non estabelece mecanismos para evitar prezos abusivos.
O sector da distribución deberá rexistrar os contratos que subscriban co sector primario a través dun rexistro electrónico (Foto: Europa Press).
photo_camera O sector da distribución deberá inscribir os contratos que subscriban co sector primario a través dun rexistro electrónico (Foto: Europa Press).

O Consello de Ministros e Ministras español aprobou esta terza feira, a proposta do Ministerio de Agricultura, un real decreto para desenvolver o rexistro de contratos alimentarios de carácter dixital no que se deberán inscribir, con carácter obrigatorio, os contratos que se subscriban cos produtores primarios e as súas agrupacións, en cumprimento da lei de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria, aprobada no mes de decembro de 2021.

Este rexistro, segundo o Ministerio, incrementa a protección dos produtores primarios e as súas agrupacións, xa que facilitará as funcións de inspección e control da Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA) e das autoridades de execución das autonomías. 

Segundo o departamento liderado por Luis Planas, lógrase unha maior seguridade xurídica das relacións comerciais e unha estruturación máis eficiente da cadea de valor. O real decreto aclara que corresponde aos compradores formalizar os contratos cos produtores primarios e as súas agrupacións.

O procedemento de inscrición deberase inscribir antes da entrega dos produtos obxecto do contrato, así como cando se produzan modificacións pactadas do mesmo. Ademais, a norma aclara que os obrigados a inscribir o contrato serán os primeiros compradores cando adquiran leite cru aos gandeiros. Nos contratos alimentarios de integración, como no caso de producións de engorde do sector avícola, será o integrador -aquel que proporciona os produtos- o obrigado a inscribilos no rexistro electrónico.

O rexistro dependerá organicamente do Ministerio de Agricultura e estará adscrito á AICA. O acceso realizarase a través da páxina web deste organismo na ligazón que se habilitará para o seu acceso cando o real decreto entre en vigor, ao día seguinte da súa publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE).

Con todo, e coa finalidade de garantir a operatividade da aplicación electrónica do rexistro e asegurar que os operadores teñan marxe para dispor dos recursos necesarios, a norma aclara que se poderá realizar a inscrición dos contratos alimentarios desde o próximo 31 de xaneiro de 2022, aínda que non terá carácter obrigatorio até o 30 de xuño de 2023.

"Non cambia nada"

Segundo sinala a Nós Diario o coordinador xeral da Federación Rural Galega (Fruga), Manuel da Cal, "as condicións para a contratación, co obrigatoriedade da subscrición de contrato, cando menos no sector leiteiro, xa están estabelecidas por real decreto desde 2019". Neste sector, di, "xa existía un sistema unificado de información, supoño que o que farán agora será facelo dixital". "Isto non provoca que os pagos vaian cubrir os gastos de produción", denuncia. "A miña valoración é que isto non cambia nada", asevera o representante da Fruga.

"Non se adoptan os mecanismos para asegurar que unha transacción cubra os custos de produción, para iso precisaríase que se estabelecesen por parte de expertos en economía baremos claros sobre os custos da actividade, no canto de obrigar a que cada persoa agricultora ou gandeira teña que demostrar por si propia cal é o seu custo, como exixe actualmente o Ministerio, o cal deixa ao sector nunha profunda indefensión", afirma Manuel da Cal.

"Insuficiente"

Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), explica a este xornal que "se trata dun feito positivo", pois "en moitas ocasións non se están a estabelecer por escrito os contratos de moitas operacións e isto podería aumentar o control". Porén, afirma, "o que necesitamos son referencias que indiquen con claridade que prezos son abusivos para as persoas produtoras".

"É un paso necesario mais insuficiente, débese complementar coa verificación das condicións do contrato", sinala a representante do SLG. Ademais, di Isabel Vilalba, "necesitamos que a Administración, a través da actividade investigadora, estabeleza índices que permitan adoptar uns prezos mínimos de referencia que impidan as condicións abusivas".

Comentarios