O Estado deixa para 2023 o rexistro de contratos da cadea alimentaria

O sector agrogandeiro demanda o cumprimento da Lei de cadea alimentaria.
O ministro Luis Planas, esta terza feira (Foto: Álex Zea / Europa Press).
photo_camera O ministro Luis Planas, esta terza feira. (Foto: Álex Zea / Europa Press)

O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación do Estado español, Luis Planas, valorou esta terza feira que a Lei de cadea alimentaria "está a funcionar" e asegurou que "se non estivese a funcionar, evidentemente, as cousas serían moi diferentes".

Porén, no marco das reivindicacións do sector agrogandeiro e as queixas de que non se está controlando que se cumpra a Lei da cadea alimentaria, Planas admitiu que "non está todo feito nin moito menos".

"Fica moito por facer en cumprimento da lei, está no Boletín Oficial desde decembro do ano pasado e imos crear o rexistro electrónico de contratos a partir do 1 de xaneiro de 2023", explicou o ministro.

Con todo, o titular de Agricultura contrapuxo a situación actual a anteriores crises e dixo que nesta "conseguimos que haxa un equilibrio dentro da cadea, e por tanto, un progreso".

"É moi importante que todos, Administracións públicas, organizacións agrarias e cooperativas, contribuamos ao efectivo cumprimento da lei porque é pioneira, innovadora na defensa dos intereses de agricultores e gandeiros", defendeu Planas.

Medidas contra a seca

Ademais, Planas, tamén valorou esta terza feira as medidas do Executivo español fronte á seca e avogou pola colaboración con todas as Administracións públicas para mellorar a dispoñibilidade hídrica actual. "Espero que en lugar de polémicas, sumemos forzas", apostilou.

Por outra parte, avogou por investir en regadío sostíbel e a utilización de augas rexeneradas, xa que, ao seu xuízo, "é un elemento fundamental, porque non se trata de regadío si ou non, trátase de bo aproveitamento da auga".

"En cada lugar as respostas son diferentes, estamos a traballar conca por conca en relación coas respostas", aclarou o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación do Estado español.

Comentarios