A inflación segue sen dar tregua no cesto da compra: os alimentos encareceron 12,9% nun ano

Na comparativa mensual, con todo, o custo da alimentación rexistra unha leve moderación ao baixar en case catro puntos en abril a respecto do dato de marzo. O IPC interanual fica en 4,1%.
A produción de alimentos é esencial, utiliza recursos propios, posúe capital de seu e destina a  mercadoría ao mercado interior e exterior (Foto: Joaquin Corchero / Europa Press).
photo_camera Os alimentos foron en abril 12,9% máis caros que no mesmo mes de 2022. (Foto: Joaquin Corchero / Europa Press)

O Índice de Prezos de Consumo (IPC) subiu 4,1% na Galiza en abril en comparanza co mesmo mes de 2022, o que supón unha repunta a respecto do ritmo de 3,4% ao que medraba en marzo, segundo os datos publicados esta sexta feira polo INE. O incremento dos prezos dos alimentos modérase no país, xa que crece por volta de 12,9% interanual en abril, o que se traduce en case catro puntos menos que o 16,6% que se computaba en marzo. Porén, isto significa que os alimentos son hoxe case 13% máis caros que en abril de 2022 —unha compra que hai un ano custaba 100 euros, hoxe págase a 112,9 euros—.

No Estado español, o IPC subiu 0,6% en abril en relación ao mes anterior e elevou oito décimas a súa taxa interanual, até 4,1% —mesma cifra que na Galiza—, polo encarecemento dos carburantes e unha diminución menos intensa dos prezos da electricidade. A inflación non subía tanto nun só mes desde maio de 2022.

O Ministerio de Asuntos Económicos atribuíu a repunta do IPC ao "efecto basee" que supón comparar a inflación de abril deste ano cos primeiros meses do estalido da guerra en Ucraína. A pesar da suba de oito décimas, o departamento que dirixe Nadia Calviño subliñou que o dato de abril "é menos da metade" do rexistrado un ano antes.

En taxa interanual na Galiza, o segundo maior incremento após o dos alimentos é o de bebidas alcólicas e tabaco (+8,2%), seguido de hoteis, cafés e restaurantes (+7,2%) —debido ao impacto da Semana Santa— e enxoval (+6,3%). Pola contra, a vivenda —que aglutina compoñentes como a electricidade— computa unha acusada caída de 12,6% interanual. Tamén baixa un 0,8% o ensino.

Na comparativa mensual o IPC galego sobe 0,7%, mentres que se eleva 1,5% no que vai de ano —entre xaneiro e abril—. A maior repunta en taxa intermensual é vestido e calzado (+10,7%), cunha baixada de 1,8% en vivenda. Porén, nos catros primeiros meses do ano o maior crecemento anótano as comunicacións (+5,1%), con descenso de 6% en vivenda.

O departamento de Nadia Calviño celebrou que o Estado español fica entre os que rexistran unha menor inflación dentro da Unión Europea e defendeu que as medidas adoptadas o pasado mes de decembro "seguirán contribuíndo a amortecer a evolución da inflación".

Pola súa parte, a inflación subxacente (sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos) baixou nove décimas en abril, até 6,6%, situándose 2,5 puntos por encima do IPC xeral, a súa menor fenda desde o pasado mes de decembro e o seu menor nivel desde novembro de 2022.

Os alimentos seguen a liderar a suba de prezos

Os prezos dos alimentos creceron en abril un 12,9% interanual, 3,6 puntos por baixo da taxa de marzo e a súa menor alza desde xuño de 2022. Neste comportamento influíu o abaratamento de legumes e hortalizas e o feito de que os prezos da carne, o pan e cereais, os aceites e graxas, e leite, queixo e ovos aumentaron menos en abril deste ano que no mesmo mes de 2022.

En taxa interanual —abril de 2023 sobre o mesmo mes de 2022—, os alimentos que máis subiron de prezo son o azucre (+49,6%); a manteiga (+31,2%); o leite enteiro (+27,7%); o leite desnatada (+27,5%); salsas e condimentos (+26,3%); cereais e derivados (+18,2%); produtos lácteos (+17,6%); outros preparados alimenticios (+16,6%); patacas (+16,5%), e carne de porcino (+16,1%).

Aliás, outros moitos alimentos rexistran subas interanuais de dous díxitos nos seus prezos, como auga mineral, refrescos e zumes (+15,9%); ovos (+15,8%); preparados de legumes e hortalizas (+13,3%); outras carnes (+12,6%); aceites e graxas (+12,3%); legumes e hortalizas frescas (+11,2%); bebidas alcólicas (+10,4%), e crustáceos, moluscos, preparados de peixe e café, cacao e infusións, que encareceron en ambos os casos un 10,3%.

Fronte aos alimentos, que lideraron as subas interanuais de prezos, o que máis se abaratou no cuarto mes do ano en relación a abril de 2022 foi o transporte combinado de pasaxeiros (-47,7%); a electricidade (-36,2%); outros aceites (-26,7%); o transporte de pasaxeiros en autobús (-25%) e os combustíbeis líquidos (-24,8%).

Segundo o INE, a repunta do IPC interanual até 4,1% en abril débese, principalmente, á vivenda, que elevou case cinco puntos a súa taxa interanual, até -10,8%, pola menor intensidade no abaratamento da luz, e ao transporte, que situou a súa taxa interanual en 0,6%, case 5,5 puntos máis, pola suba dos carburantes para vehículos persoais, fronte ao descenso que experimentaron en abril de 2022, mes no que se estaba aplicando a bonificación universal de 20 céntimos ao combustíbel.

Sen ter en conta a rebaixa do imposto especial sobre a electricidade e as variacións sobre outros impostos, o IPC interanual alcanzou en abril o 4,7%, seis décimas por encima da taxa xeral de 4,1%. Así o reflicte o IPC a impostos constantes que o INE tamén publica no marco desta estatística. Xunto aos alimentos, o grupo de vestido e calzado tamén moderou a súa taxa interanual en abril, ata o 2,2%, pois o prezo de todos os seus compoñentes aumentaron menos este ano que en abril de 2022.

Comentarios