Xustiza

Que é o 'phising'? Unha sentenza condena BBVA a indemnizar unha vítima desta estafa

A vítima recibiu unha chamada telefónica de quen afirmou ser un "técnico de Microsoft" na que lle comunicaron que o seu computador presentaba determinados problemas de seguridade.
O 'phising' é un dos métodos de estafa máis estendidos (Foto: Nós Diario).
photo_camera O 'phising' é un dos métodos de estafa máis estendidos. (Foto: Nós Diario).

O Xulgado de Primeira Instancia número 4 da Coruña condenou á entidade bancaria BBVA a reintegrar 9.500 euros máis intereses a unha clienta vítima de 'phising', unha estafa que ten como obxectivo obter a través de Internet datos privados das persoas usuarias para acceder ás súas contas ou datos bancarios.

A recente sentenza, con data do 16 de outubro e da que informaron esta cuarta feira desde o despacho Caruncho & Tomé Avogados, fundaméntase na "incorrecta execución das operacións ordenadas pola entidade bancaria a través da súa conta corrente e da súa tarxeta de crédito, por importe total de 9.500 euros".

En concreto, a vítima recibiu unha chamada telefónica de quen afirmou ser un "técnico de Microsoft" na que lle comunicaron que o seu computador presentaba determinados problemas de seguridade e que coas indicacións que lle facilitarían a continuación eliminarían os virus do seu computador e resolverían o problema de seguridade.

Ante iso, proporcionou os datos bancarios necesarios para emitir a factura ao seu nome e nese instante a pantalla do seu computador bloqueouse. Nese momento, a muller recibiu unha chamada dun empregado de BBVA na que lle advertían de que terceiras persoas accederan á súa conta.

Ante esa advertencia, a vítima accedeu á conta bancaria e comprobou que se executou unha transferencia por importe de 2.000 euros e un cargo na súa tarxeta de crédito por importe de 7.500 euros.

Comentarios