Pulo ás comunidades enerxéticas: O Rosal abrirá a primeira Oficina de Transformación Comunitaria da Galiza

A iniciativa busca contribuír a un futuro máis sostíbel, asesorando a veciñanza na instalación de enerxías renovábeis.

Ánxela Fernandez, alcaldesa, e Beatriz Rodríguez, concelleira de Medio Ambiente do Rosal. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Ánxela Fernandez, alcaldesa, e Beatriz Rodríguez, concelleira de Medio Ambiente do Rosal. (Foto: Nós Diario).

O Concello do Rosal vén de sacar a licitación o servizo de xestión da primeira Oficina de Transformación Comunitaria (OTC) da Galiza e a segunda do Estado español, un espazo que servirá para dar apoio e asesorar á veciñanza na instalación de comunidades de enerxías renovábeis coas que reducir o consumo e aforrar na factura da luz.

Esta oficina traballará na difusión do obxectivo das comunidades enerxéticas e ofrecerá asesoramento e acompañamento en todo o relacionado con eficiencia enerxética, tarifas eléctricas, enerxías renovábeis ou transición enerxética, fortalecendo o sistema de apoio a todas e todos os interesados, principalmente veciñanza, pequenas e medianas empresas e entidades locais.

Comunidades enerxéticas

As comunidades enerxéticas convértense así nun instrumento similar ás comunidades de montes ou ás traídas de augas veciñais que permiten aglutinar conxuntos de persoas, pemes ou entidades locais que teñen como obxectivo desenvolver proxectos de enerxías renovábeis, eficiencia enerxética ou mobilidade sostíbel, explican desde o Goberno local, cun impacto positivo a nivel medioambiental, económico ou social sobre os seus membros e as zonas locais nas que se desenvolven.

Segundo destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís (BNG), "O Rosal é pola súa idiosincrasia un lugar particularmente idóneo para a implantación de comunidades enerxéticas, xa que é un concello no que a colaboración e a implicación do tecido asociativo e social é clave". Un compromiso por parte do tecido socioeconómico local que xa quedou patente na fase de captación de fondos europeos para esta iniciativa coa manifestación de apoio e interese de varias asociacións arraigadas no municipio, lembra.

Pioneiras

Trátase dun proxecto pioneiro e innovador que conta co apoio da Universidade de Vigo e a través do que se crearán comunidades enerxéticas que se converterán no núcleo de iniciativas para o asentamento da poboación en municipios de reto demográfico, xa que "presentan unha verdadeira oportunidade de desenvolvemento e crecemento do territorio baseado nun modelo de aforro, autonomía e con valores medioambientais que funcionarán como polo tractor de iniciativas que elixan O Rosal para emprender novos proxectos de vida e de negocio".

Desde o Goberno municipal confían en que con este proxecto atraerán a empresas e axentes relacionados coa economía social e con experiencia na creación e na xestión de comunidades enerxéticas.

"A cultura da colectivización dos recursos que xa existe no Rosal a través de todo o tecido social, cultural, deportivo, veciñal… será unha das claves do éxito destas comunidades que converterán á veciñanza en consumidores e prosumidores de enerxía", afirma a a concelleira de Medio Ambiente, Beatriz Rodríguez.

"O impacto global destes proxectos terán grandes beneficios medioambientais, coa diminución do consumo de enerxía e a redución no uso de combustibles fósiles, pero tamén permitirá evitar a dependencias sobre as compañías eléctricas e combater a pobreza enerxética a través do aforro de enerxía, ademais doutros beneficios sociais, como a creación de emprego local ou o fortalecemento do noso tecido comunitario", explica Rodríguez.

Co apoio da UVigo

A posta en marcha da OTC compleméntase coa participación do Concello do Rosal no programa EC4Rural da Universidade de Vigo, un proxecto liderado por Xavier Simón –colaborador de Nós Diario– financiado con fondos europeos que busca desenvolver novos mecanismos de apoio ás comunidades enerxéticas no rural, impulsando a súa creación e mellorando a colaboración entre Concello e veciñanza, a concienciación social e a formación en desenvolvemento enerxético comunitario, ademais de fomentar a participación cidadá e promover decisións de investimento flexíbeis e viábeis en enerxías renovábeis.

As empresas interesadas en optar á xestión da primeira Oficina de Transformación Comunitaria da Galiza no Rosal poderán presentar as súas propostas até o vindeiro 30 de abril.

Comentarios