BNG e PSdeG cualifican de "insuficientes" as medidas aprobadas pola Xunta para facer fronte á suba de prezos

O Partido Popular (PP) presentou unha proposición non de lei para propor unha batería de 28 medidas, entre as que urxe o Goberno español a que cumpra os compromisos asumidos na Conferencia de Presidentes da Palma, algo que o Executivo estatal asegura ter feito xa.
Sesión do Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Sesión do Parlamento galego desta segunda feira. (Foto: Nós Diario)

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) e o Partido Socialista (PSdeG) cualificaron de "insuficiente o paquete de medidas aprobado nesta terza feira pola Xunta para facer fronte á suba xeralizada dos prezos.

O Partido Popular (PP) presentou unha proposición non de lei para pór en marcha unha batería de 28 medidas, entre as que urxe o Goberno español a que cumpra os compromisos asumidos na Conferencia de Presidentes da Palma, algo que o Executivo estatal asegura ter feito xa.

O portavoz dos populares na Cámara, Pedro Puy, afirmou que se trata de medidas dirixidas ao Estado e tamén á Xunta. "Non lle imos a pedir ao Estado que faga o que ten que facer a Xunta... E mesmo moitas das cuestións que pedimos ao Estado non son para que faga o Goberno español, senón para que reclame á Unión Europea ter marxe de acción", explicou.

Segundo Puy, o Goberno galego actuou "ben" e "rápido", con medidas "adecuadas" á "reacción que se necesita". "Trátase dunha serie de medidas para adoptar con rapidez e que dan resposta ás necesidades dos sectores e á poboación en xeral, froito do diálogo e de recoller as súas propostas", incidiu.

Paquete de medidas

No primeiro apartado, o PP pide ao Goberno de Pedro Sánchez unha baixada dos impostos que gravan a electricidade, o gas, a gasolina e o gasóleo a través de cuestións como a redución do imposto especial aos hidrocarburos ou a aplicación dun tipo impositivo superreducido de 4% do Imposto de Valor Engadido (IVE) á subministración de gas.

Tamén reclamou medidas específicas para os sectores máis afectados, como o transporte, as industrias electrointensivas, a pesca, a agrogandaría e o turismo. Entre estas medidas, incluíu a exención temporal das cotizacións á Seguridade Social.

Nun segundo apartado, a iniciativa dos populares galegos insta a Xunta a analizar cos sectores máis afectados as consecuencias da invasión de Ucraína e pór en marcha, en coordinación coa Unión Europea (UE) e o Goberno español, as medidas necesarias no marco das súas competencias para mitigar a situación e, en particular, impulsar e executar as incluídas no plan de choque elaborado polo Executivo autonómico.

Abstención crítica da oposición

A proposición non de lei dos populares galegos contou coa abstención de nacionalistas e socialistas, que cualificaron de "insuficientes" as medidas propostas polo PP.

Na sesión, a deputada do BNG Noa Presas, que presentou unha emenda que non foi aceptada polo PP, considerou que nin as accións postas en marcha polo Goberno do Estado español nin as da Xunta "están á altura" das necesidades do momento e da poboación da Galiza.

A parlamentaria do Bloque criticou que o Executivo galego "non estea a actuar no ámbito das súas competencias" nin coa "prontitude que debese". "Hai un goberno que fecha os ollos e mira para outro lado e, diante diso, insistimos en que o problema require solucións", apuntou para lamentar a "falta de concreción" das accións propostas polo PP.

Pola súa parte, o portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez cualificou de "auténtica pena" que "non fixeran ningunha" achega ao plan de medidas do Goberno español. Tamén criticou que o PP inclúa nesta proposición cuestións xa anunciadas hai dúas semanas. "O que máis podemos chegar é a absternos porque evidentemente algúns puntos das medidas que expoñen poden ser acertados, pero algunhas están amplamente superadas", afirmou.

Comentarios