Rego urxe a reducir o IVE dos produtos básicos

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, criticou a falta de reacción do Goberno do Estado con respecto á situación de suba dos prezos. Ao tempo, presentou o paquete de medidas que o BNG trasladará ao Executivo nunha reunión o 22 de marzo.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, criticou "a parálise" do Goberno do Estado ante a escalada dos prezos e a perda de poder adquisitivo da cidadanía.

Así, avanzou o paquete de medidas que defende a formación nacionalista, que pasa por enfrontar a grave situación a través de actuacións no sector eléctrico, medidas fiscais, a suba de pensións, salarios e prestacións sociais, así como o control do prezo dos hidrocarburos e axudas ao sector primario.

Medidas que o deputado nacionalista trasladará na reunión que manterá a vindeira terza feira, 22 de marzo, co ministro de Presidencia e as Vicepresidencias Primeira e Segunda.

“O Goberno do Estado parece non ter présa, está máis centrado en buscar culpábeis fóra que en exercer as súas responsabilidades e levar a cabo actuacións decididas e eficaces”, afirmou o deputado galego en relación ao anuncio do Executivo español no que anunciou que tomará medidas contra a inflación a partir do día 29 de marzo.

O BNG sinala preciso “unha baixada selectiva do IVE ao tipo superrreducido de 4% de determinados bens e servizos como os alimentos, produtos do mar, produtos de hixiene e hixiene feminina, transporte público ou servizos esenciais como o gas e a electricidade", explicou Rego. 

Medidas noutros Estados da Unión Europea

Néstor Rego salientou as medidas que se están a tomar en outros Estados da Unión Europea

“Onte mesmo, o primeiro ministro francés anunciaba un paquete de medidas que implicaba axudas aos consumidores finais, na enerxía eléctrica e o gas, á industria francesa, e ao sector primario, que entran en vigor hoxe”, aseverou o portavoz nacionalista no Congreso.

Comentarios