A produción agrícola galega caeu 11% desde o ano 2015

Malia o respiro que deu 2022 á produción agrícola na Galiza —as cifras ofrecidas polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación apuntan a unha suba da  mesma en 14,6%—, entre 2015 e 2022 rexistrouse unha baixa 11% na produción.

Gráfico sobre a produción agrícola elaborado polos profesores Edelmiro López e Bernardo Valdês. (Foto: A Economía Galega. Informe 2022)
photo_camera Gráfico sobre a produción agrícola elaborado polos profesores Edelmiro López e Bernardo Valdês. (Foto: A Economía Galega. Informe 2022)

A produción agrícola baixou na Galiza en 11% entre o ano 2015 e 2022. Malia que os datos de 2022 avanzan unha recuperación na actividade, os expertos destacan o seu carácter conxuntural. A este respecto, o profesor da Universidade de Santiago de Compostela e especialista en temas agrarios, Bernardo Valdês, explica a Nós Diario, que “as producións agrícolas varían moito dun ano a outro polo que deben analizarse atendendo as series históricas”.

A realidade dos cereais

O Avances de superficies e produción de cultivos, elaborados polo Ministerio, indican que a produción de cereais caeu en 24,8% desde o ano 2015, rexistrando unha baixa o trigo de 22,7%, o millo de 30% e o millo forraxeiro de 13,5%, rexistrando unha alza o centeo de 30,8%. Nesta liña, Valdês sinala que “a caída da produción do cereal débese a un proceso de especialización das actividades gandeiras e de abandono daquelas actividades nas que somos menos competitivos”.

A produción de patacas alcanzou en 2022 arredor de 381 millóns de toneladas, fronte a 505 millóns de 2015, rexistrando unha redución de 26,9% nese período. Segundo Valdês, o descenso débese a que “a produción ligada ao autoconsumo, onde as patacas se sementaban en moitas, está desaparecendo”. Neste sentido, a tendencia actual apunta “á produción de patacas para a venda, concentrada nas comarcas de Bergantiños, A Limia e a Terra Chá”.

Hortalizas

Unha tendencia semellante percíbese nas hortalizas, que marcaron unha caída de 6,6% desde 2015. Os cultivos que máis minguaron foron o da cebola e o do pemento, con descensos de 12 e 14%, incrementándose en 11% as plantacións de leituga. Nesta dirección, Valdês advirte da lóxica “da especialización e da baixa da produción para autoconsumo”. Porén, as principais debilidades para estes cultivos proceden “das dificultades para competir no mercado en prezos coas plantacións da zona do Levante e da ausencia dunha rede de comercialización na Galiza”.

O caso do viño

A uva para viño rexistra os mellores números deste ano, cunha alza de 41% en relación a 2022, e de 14,3% para o período 2015-2022. Porén, neste caso trátase de producións que varían moito dun ano para outro, pola súa elevada dependencia das condicións meteorolóxicas. Aínda así, as súas cifras sitúanse nunha lóxica diferente ao do resto dos produtos agrarios.

Valdês considera necesaria “unha diversificación da produción, para reducir a elevada dependencia das importacións para o consumo de produtos vexetais”. Ao tempo, defende “a introdución de novos procesos produtivos e de cultivos destinados á produción gandeira, co obxecto de reducir a dependencia do exterior” e de mellorar a conta de resultados das granxas, eivadas no caso galego polos elevados custos de produción, derivados, nunha parte, da escasa superficie das mesmas.

Comentarios