Vivenda

O prezo da vivenda de segunda man sobe 3% na Galiza en 2023, até 1.368 euros o metro cadrado

Na cidade da Coruña o prezo da vivenda de segunda man subiu 5,39% en 2023, con 2.463 euros o metro, mentres que en Lugo creceu 0,25%, até 1.378 euros. En Ourense a subida foi de 2,55%, con 1.561 euros e en Pontevedra de 10,11%, até 1.933 euros o metro cadrado.
Vivendas no municipio das Somozas (comarca de Ferrolterra) (Foto: Europa Press).
photo_camera Vivendas no municipio das Somozas (comarca de Ferrolterra) (Foto: Europa Press).

O prezo da vivenda de segunda man subiu na Galiza 3% en 2023, até situarse nos 1.368 euros o metro cadrado en decembro, segundo o informe anual de prezos de venda de 'pisos.com' feito público esta segunda feira.

Por cidades, na Coruña o prezo da vivenda de segunda man subiu 5,39% en 2023, con 2.463 euros o metro, mentres que en Lugo creceu 0,25%, até 1.378 euros. En Ourense a subida foi de 2,55%, con 1.561 euros e en Pontevedra de 10,11%, até 1.933 euros o metro cadrado. En cuestión de prezos, A Coruña (2.463 €/m2) foi a duodécima cidade máis custosa a nivel estatal. Lugo (1.378 €/m2) ocupou o noveno lugar na listaxe estatal das máis alcanzábeis.

Rendibilidade da vivenda

Pola súa parte, o portal inmobiliario Idealista publicou tamén esta segunda feira un estudo sobre a rendibilidade da vivenda en 2023, situando este dato en 7,1% a nivel estatal, unha décima menos que en 2022.

Este documento tamén recolle cifras galegas, sinalando que na cidade da Coruña a rendibilidade da vivenda é de 4,8%, mentres que a das oficinas é de 7,4%, a dos locais de 7,6% e a dos garaxes queda en 4,3%. En Lugo, a vivenda produce un beneficio de 6,3%, mentres que os locais de 9,8% e os garaxes de 4,3% (idealista non dá datos de oficinas nesta cidade).

En Ourense e Pontevedra a rendibilidade da vivenda é de 5,8% e de 5,1%, respectivamente, mentres que a das oficinas é do 6,4% en Ourense e sen datos en Pontevedra; a dos locais é de 8,1% e de 7,7% e a dos garaxes de 3,3% en Ourense sen datos na cidade do Lérez.

Comentarios