Vivenda

A sinatura de hipotecas sobre vivendas diminúe 11,8% en outubro na Galiza

Na Galiza canceláronse en outubro até 2.223 hipotecas no décimo mes do ano, das cales 1.549 eran sobre vivendas. Ademais, 467 préstamos tiveron cambios rexistrais.
Vivenda vella e nova na cidade de Santiago de Compostela. (Foto: Arxina)
photo_camera Vivenda vella e nova na cidade de Santiago de Compostela. (Foto: Arxina)

A sinatura de hipotecas sobre vivendas caeu 11,8% en outubro na Galiza, até os 1.127 préstamos, mentres que o capital concedido baixou 20,6%, con algo máis de 119 millóns de euros, segundo datos publicados esta quinta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Así, a sinatura de hipotecas diminuíu no país menos que na media estatal, xa que no total do Estado a baixada foi de 22,3%, con 31.921 préstamos e 4.486 millóns de euros, 26,4% menos. En comparación con setembro, o número de hipotecas galegas subiu 21,3% en outubro e o capital, 16,1%.

O número total de hipotecas sobre leiras galegas foi de 1.541, con 156 millóns de euros de capital prestado. Destas, 1.507 eran leiras urbanas: 1.127 vivendas, 10 solares e 370 outro tipo de leiras urbanas. Na súa maioría (93,9%), as hipotecas sobre o total de leiras constituídas na Galiza tiña como prestamista un banco.

Na Galiza canceláronse en outubro até 2.223 hipotecas no décimo mes do ano, das cales 1.549 eran sobre vivendas. Ademais, 467 préstamos tiveron cambios rexistrais.

Datos do Estado

A nivel estatal, o número de hipotecas constituídas sobre vivendas baixou 22,3% en outubro respecto ao mesmo mes de 2022, até sumar 31.921 préstamos, cun tipo de interese medio que seguiu á alza, alcanzando 3,32%, a súa cifra máis alta desde decembro de 2015, segundo os datos do INE.

Co descenso interanual de outubro, a sinatura de hipotecas sobre vivendas encadea nove meses de taxas negativas, aínda que a de outubro foi menos pronunciada que a rexistrada en setembro (-29,6%).

O importe medio das hipotecas constituídas sobre vivendas baixou 5,3% interanual no décimo mes do ano, até os 140.564 euros, mentres que o capital prestado diminuíu 26,4%, até rozar os 4.487 millóns de euros.

Tras a política de subidas de tipos de xuro levada a cabo polo Banco Central Europeo (BCE) para tentar conter a inflación e a evolución do Euribor, o tipo de interese medio para o total de préstamos hipotecarios situouse en 3,70% en outubro, o seu valor máis alto desde 2014, cun prazo medio de 23 anos.

No caso das vivendas, o interese medio foi de 3,32%, o seu valor máis alto desde decembro de 2015, cun prazo medio de 24 anos. Respecto a un ano antes, o tipo de interese medio para os préstamos sobre vivenda aumentou en 1,18 puntos. É o sétimo mes consecutivo no que o tipo de interese supera 3%.

Comentarios