Presidente de 'Leche Río': “Os gandeiros tampouco están tan mal como din”

Jesús Lence di nunha entrevista en V Televisión que “non hai máis que visitar as súas vivendas” para comprobar, afirma, “que a maioría vive moi ben”. A Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo Galego continuará co calendario de mobilizacións: hoxe, en Vilalba.

Campo galego
photo_camera Imaxe: Campo galego

Jesús Lence, propietario de Leite Río S.A, afirma nunha entrevista en V Televisión que “os gandeiros tampouco están tan mal como din”, engadindo que “non hai máis que visitar as súas vivendas e medios de transporte” para “ver que a maioría están moi ben”. O presidente da envasadora luguesa que deixou sen recollida a máis dunha vintena de explotacións o pasado mes tamén defendeu a actuación do goberno español na crise do leite galego, dicindo que a ministra de Agricultura pon toda a vontade e lembrando que este sector “é competencia das autonomías”.

Non é a primeira vez que no marco desta crise Lence fai declaracións polémicas. A comezos deste mes dixo que o que "están a montar" coas tractoradas "é porque gostan de ir de festa e non polos prezos baixos", espetou o empresario lugués.

Mobilizacións

A Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo Galego continuará co calendario de mobilizacións a prol do futuro para o sector os vindeiros días 20, 21, 25 e 27 de agosto, nas comarcas de Ordes, Terra Chá, Sarria e Curtis, respectivamente. Asemade, a o 3 de setembro está convocada unha gran tractorada en Santiago de Compostela.

Esta quinta feira haberá concentración de tractores ás 11 horas na estación de autobuses de Vilalba. Manifestación a pé seguida de tractores polas rúas Campo de Ponte, Pravia, Galicia, Av. Terra Chá e remate diante do edificio da Xunta, onde se lerá un manifesto reivindicativo.

Comentarios