Os gandeiros manteñen as mobilizacións ao descartar o goberno español fixar un prezo mínimo

O ministerio de Agricultura presenta a ao sector un borrador con propostas e consellos que decepcionan os produtores.

sector lacteo leite ministerio
photo_camera Imaxe da reunión no Ministerio [RTVE]

A cimeira do sector lácteo que tivo lugar no Ministerio de Agricultura e se prolongou durante 3 horas acabou sen resultados convincentes para as e os gandeiros galegos, que antes do inicio da mesma reiteraran que agardaban do goberno español un compromiso firme de cara á fixar prezos mínimos para o leite que axudase a capear a forte crise que atravesan. Mais o Ministerio descartou adoptar esa medida. “É legalmente imposíbel”, manifestou a ministra Isabel García-Tejerina após a xuntanza con gandeir@s, industria e distribución. “O que é ilegal é que nos paguen por baixo dos prezos de produción”, replicáronlle desde a UPA.

O ministerio negouse a dar un paso que, sinalan os e as gandeiras, xa deu o goberno francés, que si que estabeleceu un prezo mínimo para o leite. Por iso, as mobilizacións previstas polos produtores galegos para o que resta de agosto e para setembro vanse manter.

A ministra instou a Xunta a “protexer” o sector galego, afirmando que os prezos están vinculados ao grao de organización e de cooperativización do sector; polo que Galiza ten moitos peores prezos que outras comunidades, sinalou.

Entre as medidas propostas polo Ministerio está o de fixar axudas para explotacións con dificultades -se ben non dixo cando comezaría a aplicarse nin cal sería a dotación orzamentaria-, promover a constitución de organizacións de produtores ou a identificación do país de orixe do leite. Medidas que o sector entende que son “insuficientes” para combater unha crise que ameaza con afogar milleiros de explotacións en Galiza.

Comentarios