O presidente de Abanca figura na listaxe das persoas máis ricas de América Latina

Juan Carlos Escotet conta cun patrimonio de 4.400 millóns de dólares (4.000 millóns de euros).
Juan Carlos Escotet, nunha conferencia de Abanca (Foto: M. Dylan / Europa Press).
photo_camera Juan Carlos Escotet, nunha conferencia de Abanca (Foto: M. Dylan / Europa Press).

O presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, figura no número 712 da lista de multimillonarios da revista Forbes cun patrimonio de 4.400 millóns de dólares (4.000 millóns de euros).

O magnate mexicano Carlos Slim, á fronte de compañías como Grupo Carso ou América Móbil, é o latinoamericano máis rico da listaxe anual cun patrimonio estimado de 102.000 millóns de dólares (93.754 millóns de euros).

Segundo os datos recompilados por Statista conforme a lista de Forbes, Slim sería o primeiro latinoamericano da clasificación, no que oito dos dez primeiros postos son para multimillonarios dos Estados Unidos, un para Mukesh Ambani, procedente da India, e o primeiro posto para o francés Bernard Arnault.

Seguintes na clasificación

A continuación do posto 14 de Carlos Slim habería que baixar até o número 60 para atopar ao seguinte latinoamericano da lista, o cofundador de Facebook, Eduardo Saverín. O home máis rico do Brasil contaría cun patrimonio de 28.000 millóns de dólares (25.700 millóns de euros).

No posto 75, cun patrimonio de 25.800 millóns de dólares (23.700 millóns de euros), figura Iris Fontbona, viúva de Andrónico Luksic, unha das familias máis ricas de América Latina. A chilena conta con negocios nas áreas de bebidas ou da minaría, entre outras.

A continuación, no posto 199 atoparíase ao seguinte millonario procedente de América Latina na lista. É o caso de David Vélez, o fundador e conselleiro delegado da fintech brasileira Nubank, que conta cun patrimonio de 10.800 millóns de dólares (9.927 millóns de euros).

Comentarios